O Grove instalará unha planta municipal de compostaxe xunto o Punto Limpo
Por Redacción
O goberno municipal do Grove está a ultimar un sistema para xestionar os seus residuos orgánicos que revolucionará a súa aposta pola compostaxe. O centro deste proxecto será a construción dunha planta municipal de compostaxe xunto o Punto Limpo, na Siradella.
A planta disporá dunha zona pavimentada duns 1.250 metros cadrados na cal se establecerán tres zonas diferenciadas: descomposición do material (1.200 metros cadrados), unha área denominada "trincheira de maduración" e unha terceira de afino do material compostado, onde se separará o compost final do material recirculante.
As dúas últimas zonas ocuparán uns 320 metros cadrados e tamén se terá en conta unha captación perimetral de augas residuais que bordeará toda a zona e todo a planta contará cunha zona arborizada ao seu arredor.
Os residuos chegarán a estas instalacións mediante un camión con guindastre. Para iso establecerase unha ruta que lle permita a máxima eficacia na súa recollida.
Haberá un servizo de recollida porta a porta de residuos orgánicos mediante uns colectores de entre 240 e 300 litros, aproximadamente. Eses colectores estarán identificados con códigos QR para poder realizar un seguimento do proceso.
Os produtores individuais poderán empregar cubos de entre 40 e 80 litros nas cociñas, por exemplo, de tal forma que poderán trasladar os residuos orgánicos de xeito máis sinxelo ao colector de maior tamaño.
A recollida realizarase inicialmente tres días á semana (luns, mércores e venres), pero poderá variar en función das necesidades puntuais. No momento da recollida, o persoal encargado desta tarefa intercambiará os colectores cheos por outros baleiros e limpos.
As estimacións realizadas indican que este sistema permitirá realizar un tratamento de 660.000 quilos, dos que se obterán 140.000 quilos de compost, aproximadamente.
A día de hoxe, o Concello do Grove paga 69,22 euros por tonelada de restos orgánicos que se envían a tratar á incineradora de Cerceda. A diminución deste gasto podería ser considerable e tamén se eliminaría o transporte destes residuos fóra do municipio, que tamén custa cartos.
O orzamento total desta iniciativa é de 47.208,15 euros, dos cales a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia achegará 37.294,44 euros. O Concello asumirá o 21% restante do custo (9.913,71 euros).
Este investimento tamén permitirá realizar unha campaña de sensibilización con respecto a este novo sistema.
Relacionadas:
-
Os concellos na fase 2 do Plan Revitaliza poderán cumprir este ano cos obxectivos de reciclaxe da Unión Europea
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A compostaxe aumentou un 28% as taxas de reciclaxe nos "Concellos Revitaliza"
Por Redacción |
-
O compromiso do Grove coa compostaxe "non ten marcha atrás"
Por Oskar Viéitez |