Propoñen ‘pre-adopcións’ por internet para axilizar a actividade do Centro de Acollida de Animais da Deputación
Por Redacción
A Fundación Franz Weber, no seu labor de defensa dos dereitos dos animais, presentou unha proposta a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra para que o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), que depende do organismo provincial, reactive as acollidas e adopcións de cans e gatos durante a fase 1 do plan de desescalada presentado polo Goberno central, cuxo inicio está fixado para o 11 de maio.
A ONG defende que este servizo solidario se pode realizar seguindo unhas sinxelas medidas de seguridade, equivalentes ás que se están expondo para o comercio polo miúdo ou os establecementos de restauración.
No caso das visitas ás instalacións situadas en Armenteira-Meis, o número de persoas que accederían ás mesmas podería limitarse en función da cantidade de traballadores que estean atendendo nese momento, marcando as distancias necesarias e sempre portando elementos de seguridade como máscara e luvas.
Como medida de transición ata o regreso á actividade habitual, proponse desde a fundación que en CAAN se poida estudar a posibilidade de realizar "pre-adopcións" a través de Internet, para evitar visitas innecesarias ás instalacións e que a estadía nas mesmas sexa de menor tempo.
Neste sentido, a misión permanente da fundación en Galicia resalta que a adopción supón múltiples beneficios tanto para os animais como para as familias acolledoras e ofrece unha saída digna aos cans e gatos que permanecen en CAAN desde hai semanas e mesmo meses ao paralizarse as actividades habituais a causa do Estado de Alarma.
Desde a fundación suíza lembran que os propios servizos de laceiría do servizo provincial realizaron diferentes recollidas nos últimos días e que esta situación evidencia que algunhas persoas aproveitan a corentena e a menor afluencia na vía pública para deixar os animais á súa sorte, polo que sería necesario retomar os procedementos de adopcións canto antes.
Así, FFW lembrou que países como Francia autorizan os desprazamentos a canceiras municipais desde mediados do mes de abril cun permiso que xustifica razóns familiares para adoptar ou acoller un animal dalgún destes recintos, tanto públicos como dependentes de asociacións ou empresas.
Ademais a Fundación lembra á cidadanía que non existe evidencia científica de que os animais como cans e gatos transmitan ou contaxien o coronavirus, a pesar dalgúns casos moi concretos ocorridos en Hong Kong ou París. Con todo, matiza, a súa convivencia debe seguir as recomendacións hixiénico-sanitarias da OMS, e no caso español, tamén da Dirección Xeral de Dereitos dos Animais.
Relacionadas:
-
29 cans adoptados na primeira semana de reapertura do CAAN
Por Redacción |
-
O Centro de Acollida de Animais da Deputación volve tramitar adopcións de cans
Por Redacción |
-
Recollidos 23 cans das rúas durante o estado de alarma
Por Oskar Viéitez |
-
O centro provincial de acollida de cans restrinxe a súa actividade polo coronavirus
Por Redacción |
-
As protectoras de animais paralizan as adopcións durante o Estado de Alarma
Por Sara Iglesias |