29 cans adoptados na primeira semana de reapertura do CAAN
Por Redacción
A volta á actividade do Centro de Acollida de Animais (CAAN), que pertence á Deputación de Pontevedra, foi un éxito. Nunha semana de funcionamento 29 cans foron adoptados nestas instalacións, desde que se iniciou a fase 1 da desescalada e puideron retomarse as adopcións co sistema de cita previa.
Esta demanda rexistrouse durante os días de corentena e este luns adoptáronse oito animais de compañía, entre eles atopábanse dous cachorros que foran abandonados en abril nunha explotación gandeira de Rodeiro.
Estes cachorros responden os nomes de 'Roma' e 'Ron' e agora gozarán dun novo fogar ao ser acollidos por unha veciña de Vilagarcía. No centro aínda queda un terceiro cachorro desta camada. O seu nome é ' Rona', que se atopa á espera dalgún adoptante.
Tamén 'Prada', unha cadela pequena que fora recollida en Meaño xunto a tres irmás, atopaba unha nova casa, despois de ser abandonada nos días de confinamento. O seu destino tamén será Vilagarcía.
O xoves 14 tamén saíron do centro cinco animais, entre os que se atopaban dúas cadelas que viaxaron en transporte autorizado a Barcelona e Asturias. Estas adopcións formalizáronse a través dunha protectora.
Neste 2020 adoptáronse 123 animais no CAAN. E hai varias citas programadas ao longo desta semana, ademais de solicitudes de información por parte doutras persoas interesadas, entre elas residentes noutras provincias que consultaron a páxina web do centro.
As persoas interesadas deben de solicitar unha cita previa no teléfono 986 140 360 e, cando se despracen ao recinto de Armenteira, deberán esperar a súa quenda no exterior do centro, para evitar concentracións de persoas dentro das instalacións. No CAAN está a atenderse de maneira individualizada e estableceuse o protocolo de uso de luvas e máscaras dentro do recinto, ademais do mantemento das distancias de seguridade.