O Grove proxecta a creación dunha plataforma de venda online do comercio local para saír da crise
Por Redacción
O goberno local do Grove traballa na elaboración dun plan estratéxico que permita a recuperación do comercio local do municipio, unha vez que vaia recuperándose a actividade.
Durante a tarde deste mércores, representantes municipais mantiveron unha primeira reunión coa asociación Emgrobes para comunicar os avances realizados no primeiro borrador no que se recollen propostas concretas coa idea de asignarlles partidas económicas definidas.
Segundo indican desde o goberno de José Antonio Cacabelos, os orzamentos municipais carecen de recursos suficientes para realizar axudas directas, como está previsto noutros concellos de gran tamaño.
En canto á suspensión de taxas e de impostos, os informes técnicos solicitados polo goberno local establecen que legalmente non se poden suspender estas tributacións. Sería preciso, indican, realizar un cambio lexislativo de ámbito nacional, e en canto á posibilidade de que se establezan un cambio do calendario fiscal, desde o goberno local, sinalan que habería que analizalo para evitar prexuízos aos afectados.
Está prevista a creación de mesas de traballo para estudar propostas, mediante a mesa de comercio, na que están representados todos os grupos políticos e as asociacións comerciais do municipio.
A medida fundamental que estuda o goberno de Cacabelos, segundo os estudos de mercado realizados, consistirá en crear unha plataforma centralizada de venda online do comercio local que poderá reforzarse con campañas de comunicación e promoción.
Este aspecto relaciónase coa procura de loxística para ofrecer este novo servizo de venda e coa formación dos comerciantes para manexarse. Ademais, esta proposta estaría enlazada cun plan de dinamización e comunicación. Esta iniciativa contempla unir tanto a comerciantes locais como a servizos de hostalería.
A partir desta plataforma vai activarse o plan estratéxico que se debaterá coa asociación Emgrobes e con outras asociacións comerciais da vila como Grovemakers e a asociación de Praza de Abastos.
Relacionadas:
-
O Grove destinará case 30.000 euros a obras de mellora no mercado municipal
Por Redacción |
-
O Grove avanza nunha plataforma de venda online para o comercio local
Por Redacción |
-
O Grove lanza unha oferta de emprego para contratar dezanove traballadores
Por Redacción |
-
Bueu, O Grove e Ribadumia contratan traballadores co Plan Concellos
Por Redacción |