Moitos escolares pontevedreses non poden facer os deberes por non ter acceso a internet
Por Redacción
A Concellería de Educación de Pontevedra vén de detectar que, tras mes e medio sen clases polo estado de alarma, aínda quedan moitos nenos no municipio que non poden acceder ás clases online nin facer as tarefas escolares ao ritmo dos seus compañeiros por carecer de acceso a internet na casa.
A organización do curso escolar correspóndelle ao Goberno autonómico, a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neste sentido, Tino Fernández, o concelleiro de educación de Pontevedra, critica a "desidia e inacción por parte da administración competente na materia", polo que desde o seu departamento decidiuse poñer en acción medidas para paliar, dentro do posible, a fenda educativa durante o confinamento, para que os menores en situación vulnerable poidan continuar facendo os deberes.
Segundo informa o concelleiro socialista, foron diversos os centros educativos que se puxeron en contacto co seu departamento para denunciar a falta de acceso a internet por parte dalgúns alumnos. Para dar resposta a estas demandas, a Concellería de Educación púxose en contacto con Cruz Vermella, que conta cunha dotación de tarxetas SIM que lle cedeu a Fundación Vodafone. Estas tarxetas poranse a disposición dos escolares do municipio que o precisen, só para fins educativos. "As persoas ás que lles cheguen terán que asinar un documento que certifique a súa recepción e o bo uso da tarxeta. Os datos empregaranse só para descargar as tarefas escolares", adianta o concelleiro.
A Concellería de Educación e o voluntariado da Cruz Vermella ofrecerán tamén a posibilidade de facer entrega das tarefas que se remitan dende os centros directamente nos respectivos domicilios. Tal e como sinala Tino Fernández, "este reparto debe estar moi coordinado, xa que hai varios colexios e institutos implicados", polo que o departamento municipal estase a poñer en contacto cos centros de cara a recabar o número exacto de alumnos e os datos concretos para poder marcar unhas rutas e datas.
Xa se enviou aos titores e directores dos institutos e colexios públicos de Pontevedra unha mensaxe, acompañada dun documento sobre protección de datos para asinar, coa finalidade de que avalíen todas as necesidades detectadas. Así mesmo, por parte de "Cruz Vermella estase a elaborar un protocolo de actuación para que o traballo sexa o máis coordinado e efectivo posible", indica o concelleiro.
Relacionadas:
-
Axudan ás familias para que os menores da casa fagan un uso seguro de internet
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO - A emocionada reacción dun cativo marinense ao recibir os deberes do cole
Por Redacción |
-
O 82% do alumnado ten limitacións para comunicarse cos seus profesores, cunha maior afectación no ámbito rural
Por Redacción |
-
O 30% dos estudantes galegos non ten acceso á educación de maneira non presencial
Por Redacción |