Axudan ás familias para que os menores da casa fagan un uso seguro de internet
Por Oskar Viéitez
"Sentidiño na rede" é un proxecto que ten coma obxectivo desenvolver e difundir unha serie de contidos formativos, dirixidos ás familias e centrados en promover un uso seguro de internet por parte dos menores.
As profesoras Esther Martínez e Manuela Raposo coordinan este proxecto que integra a especialistas, profesionais e representantes de diferentes ámbitos. Todos eles traballaron conxuntamente na elaboración dunha serie de podcast que poñen o foco en cuestións como os sinais de alerta que é preciso ter en conta, os sistemas de control dos dispositivos dixitais ou as normas de cortesía na rede.
O grupo de traballo tamén está integrado pola catedrática Ángeles Parrilla; a educadora do Concello de Pontevedra e profesora da UNED, Patricia González; o experto en seguridade e privacidade en novas tecnoloxías, José Torres; a técnica da subdirección xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia da Xunta de Galicia, Teresa Gutiérrez; o docente do CEIP Barcelos, Justo Fernández; os representantes da Federación de Asociacións de Pais e Nais de Pontevedra (Fanpa) Rogelio Carballo e Francisco Freire, o profesor do Centro Rural Agrupado de Vilaboa, Miguel Robiás, e a investigadora da Universidad Federal de São Carlos (Brasil) Fernanda Barboza Cid.
A idea é transformar os malos hábitos dos menores na rede e para iso proporciónanse recursos ás familias para mediar neste proceso.
O traballo comezou cunha diagnose a partir da realización dun cuestionario a 791 estudantes de secundaria e dunha serie de 193 actividades de tipo documental e entrevistas en vídeo a 97 alumnos de primaria, secundaria e bacharelato.
A estes sumáronse, así mesmo, outra serie de cuestionarios e entrevistas realizados, respectivamente, por 93 e 20 familias e dirixidos a coñecer as súas preocupacións, dificultades e necesidades.
A seguinte fase do proxecto centrouse no desenvolvemento deses materiais, para os que este grupo decidiu apostar polo formato dos podcast. O primeiro, explica Raposo, tivo como obxecto falar “de como se fai unha denuncia, que cousas serían denunciables e onde acudir”, mentres que o seguinte centrouse nos “sinais de alerta, en como detectamos se os nosos fillos son adictos, se están sendo vítimas dun acoso”, e un terceiro nos sistemas de control parental de dispositivos móbiles e ordenadores.
O seguinte espazo puxo o foco na identidade dixital, co propósito de que “sexamos conscientes de que rastros estamos deixando na rede, de cales serían as formas de cortesía que debemos ter en conta no virtual”, mentres que as fake news foron o eixo dun quinto espazo.
A iniciativa, financiada polo Ministerio de Economía, levouna a cabo o grupo Cies que é o acrónimo de: Colaboración, Innovación e investigación para a Equidade Socio-educativa.
Relacionadas:
-
Marín invita a coñecer todo o que deben saber as familias sobre as adiccións
Por Redacción |
-
Detido un suposto pedófilo que acosou a menores pontevedreses a través de Instagram
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta habilita un teléfono gratuíto para resolver dúbidas do sector turístico sobre seguridade sanitaria
Por Redacción |
-
Moitos escolares pontevedreses non poden facer os deberes por non ter acceso a internet
Por Redacción |
-
"Sentido común e escepticismo son as nosas máscaras e luvas na Rede"
Por Redacción |
-
O 82% do alumnado ten limitacións para comunicarse cos seus profesores, cunha maior afectación no ámbito rural
Por Redacción |
-
VÍDEO.- "Como pais, non só podemos, senón que temos a obriga de controlar as redes sociais dos nosos fillos"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |