Plataforma #PonteLovers para recuperar a actividade empresarial de proximidade

Por Redacción

© Concello de Pontevedra

© Concello de Pontevedra
A crise sanitaria do coronavirus tamén está a golpear de xeito contundente ás pemes e as actividades comerciais de proximidade. Por iso, dende o concello de Pontevedra estase a planificar como compensar as consecuencias do confinamento nos pequenos establecementos, tendas, negocios de restauración e hotelería.
Con esta idea, nace a plataforma #PonteLovers, posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración cos propios hosteleiros, comerciantes e empresarios.
A iniciativa contará cunha potente campaña publicitaria que se fará visible a través de redes sociais, medios de comunicación, puntos de venda e soportes exteriores, e desenvolverase ao longo de tres fases diferentes, en función da duración das medidas do estado de alarma.
A acción inaugural deste plan municipal, deseñado en colaboración coa firma especializada Carta Blanca, consiste na difusión dunha serie de vídeos domésticos protagonizados, ademais de pola propia concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, por profesionais que contan con sona e recoñecemento na economía de Pontevedra, esencialmente empresarios e empregados dos sectores da hostelería e o comercio.
A plataforma xa convocou a nomes moi coñecidos da vida comercial pontevedresa como Ramón Pedras ‘Petete’, de La Cata; Andrés Acuña, de Panaderías Acuña; Roberto Juncal, de Juncal Alimentación; Francesco Iannelli, de Il Piccolo; David Barber, de Crazy-Barber; Raúl Facciola, da Crêperie Cre-Cottê; Gonzalo Rodríguez, de El Club del Café; David Sobral, de Queixo e Aparte, e Lourdes Rodríguez, de El Dulce de Leche.
Na lista de profesionais que protagonizan o lanzamento desta campaña tamén figuran a exparlamentaria e arquitecta María Pierres; a exconcelleira e empresaria María Rey, de Asesoría Blanco & Rey; Alberto Falcón, de Be Differential; Naír Fernández, de Ferco 2000 Correduría de Seguros e Gestoría Fernández; Gema Figueroa, de Prana Wellness Center; Begoña Oliveira, de Selecta Inmobiliaria, Mariluz Maquieira, de Funziona Inmobiliaria; e Pilar Paz, de Aire Estilistas.
A eles irán sumándose nas vindeiras semanas outros rostros coñecidos do mundo deportivo, o pequeno comercio e o tecido empresarial pontevedrés e, en xeral, todo aquel que queira aportar o seu gran de area a esta iniciativa de recuperación da vida social e económica.
Tal e como sinala Yoya Blanco, "baixo o lema Reicina Pontevedra, este proxecto busca que tódolos pontevedreses nos poñamos en pé, unamos forzas e emprendamos un camiño que tamén permitirá salvar vidas, neste caso as deses negocios de proximidade, pequenos comercios, tendas, bares e restaurantes que fan latexar á nosa cidade".
Unha vez que remate o estado de alarma e a situación sanitaria permita retomar as actividades comerciais, arrincará a segunda fase da campaña, para a que xa se traballa na elaboración dun vídeo profesional a cargo do realizador Fernando Portela.
Nesa etapa que se abrirá tralo confinamento, realizarase unha intensa publicidade exterior, co deseño de bandeirolas para colocar en elementos do mobiliario urbano e dunha gran pancarta que se instalará na fachada dalgún edificio de propiedade municipal; e a confección de cartelería e de soportes de cartón pluma ou pvc para que os establecementos poidan utilizalos nos seus escaparates ou no interior dos locais.
Os diversos elementos publicitarios irán acompañados por iconas relacionadas co consumo en establecementos hosteleiros e comerciais de proximidade, vencellando a actividade comercial con frases para animarnos a gozar da oferta comercial e de lecer da cidade.
"Estas accións poderían completarse coa elaboración de diverso material promocional para puntos de venta. En todo caso, a terceira e última fase do plan servirá para facer o seguimento das accións efectuadas, estudar a súa evolución e, no caso de que sexa preciso, reenfocalas", avanza a concelleira Yoya Blanco.
Neste sentido, a edil do PSOE estuda a posibilidade de que, no marco desta campaña e segundo a súa evolución, se poidan desenvolver outras iniciativas, como "a celebración dunha Festa da Vida unha fin de semana ou algún concurso a través das redes".
Relacionadas:
-
10.000 bolsas de papel e 300 adhesivos de sinalización para os #PonteLovers
Por Redacción |
-
O plan Reinicia Pontevedra para pemes e autónomos iníciase o día 11 cun encontro dixital multisectorial
Por Redacción |
-
'Volvemos', o vídeo da plataforma #PonteLovers durante o confinamento para animar á recuperación da economía local
Por Redacción |
-
Os hostaleiros queren apoio municipal para poñer en marcha un servizo "delivery"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Pontevedra aborda con asociacións de comerciantes os desafíos da desescalada
Por Manu Otero |
-
#PonteLovers conta con seis mesas sectoriais para escoitar as demandas das pemes e negocios de proximidade
Por Redacción |
-
Empresas das provincia solicitaron á CEP ata medio millón de máscaras de protección
Por Redacción |
-
Crear unha marca identificativa, proposta do PP para apoiar o comercio local
Por Redacción |
-
Pontevedra ten preto de 160 negocios e comercios activos
Por Redacción |
-
‘Pontevedra ten un Puntazo’, agora 'en liña'
Por Redacción |
-
70 negocios estrean a base de datos dos establecementos activos en Pontevedra
Por Redacción |