Detido un veciño de Moraña que se saltou o confinamento para trapichear
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga por un delito contra a saúde pública un veciño de Moraña que foi interceptado durante a orde de confinamento polo Covid-19 cando circulaba no seu vehículo con 40 dose de cocaína e algo máis de 750 euros en efectivo.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon esta fin de semana no transcurso dun operativo conxunto que tiña establecido o Posto da Garda Civil de Cuntis e a Policía Local da mesma localidade, para controlar o cumprimento da normativa e as restricións de circulación de vehículos e persoas durante a orde confinamento do Covid-19.
Á primeira hora da madrugada do sábado, o dispositivo policial interceptou un vehículo cando circulaba pola estrada PO-221, ao seu paso polo termo municipal de Moraña. A actitude nerviosa do condutor e a falta de incoherencia nas súas respostas para tratar de xustificar o motivo do seu desprazamento propiciou o rexistro do turismo onde se atopou un bolso que contiña unhas 40 doses de cocaína dispostas para a súa distribución en bolsas de plástico, xunto con 750 euros en efectivo, que, supostamente é o produto das vendas que xa realizaría.
O condutor do vehículo resultou ser un veciño de Moraña, de 48 anos, ao que se lle notificou a súa condición penal de investigado como presunto autor dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas. Ao mesmo tempo, foi denunciado por vía administrativa, non só por quebrantar a orde de confinamento, senón tamén por ter caducada a ITV do vehículo desde o mes de agosto do ano 2019, e levar, ademais, un coitelo e unha machada no coche sen causas xustificadas.
As dilixencias instruídas polo ilícito penal entregaranse no Xulgado de Instrución número 2 de Caldas de Reis, onde deberá comparecer cando sexa citado en calidade de investigado.
Relacionadas:
-
Sorprenden dous homes en Vilanova de Arousa en plena transacción de droga
Por Redacción |
-
Salta seis veces o confinamento para ir co coche a diferentes lugares da provincia
Por Redacción |
-
O control sobre o estado de alarma permite interceptar en Cuntis un condutor con 27 doses de cocaína
Por Natalia Puga |