O control sobre o estado de alarma permite interceptar en Cuntis un condutor con 27 doses de cocaína
Por Natalia Puga
Un control conxunto da Policía Local e a Garda Civil de Cuntis para vixiar o cumprimento do estado de alarma permitiu esta fin de semana descubrir unha actividade de tráfico de drogas a pequena escala.
Os axentes de ambos os corpos estaban a realizar o control na parroquia cuntiense de Cequeril e, cando xa se dirixían cara á estrada que dirixe a Moraña, detectaron a presenza dun vehículo sospeitoso e déronlle o alto.
O condutor, veciño doutra localidade que non transcendeu, levaba encima 27 doses de cocaína e foi detido polos axentes como presunto autor dun delito contra a saúde pública.
Os feitos ocorreron este sábado e, segundo indicaron fontes policiais, pouco despois o home quedou en liberdade, pero en calidade de investigado.
Ademais das 27 doses de cocaína, os axentes interviñéronlle 780 euros en metálico e tramitaron unha sanción por incumprimento do estado de alarma.
Segundo indicou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, este é o segundo incumprimento detectado en Cuntis esta semana en circunstancias parecidas, pois días atrás detectaron a un home que realizaba un desprazamento non autorizado e levaba encima marihuana.