Sorprenden dous homes en Vilanova de Arousa en plena transacción de droga
Por Redacción
Axentes da Garda Civil detiveron dous homes, ambos os dous veciños da comarca do Salnés, que foron sorprendidos en plena transacción de droga e incumprindo, por tanto, as medidas de confinamento decretadas polo estado de alarma.
Aos dous, segundo informou o instituto armado, acúsaselles dun suposto delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.
Os feitos ocorreron o pasado venres cando unha patrulla de Garda Civil de Vilagarcía observou a actitude sospeitosa dos dous ocupantes dunha furgoneta que estaba estacionada na parroquia de Deiro, en Vilanova de Arousa.
Ambos marcharon precipitadamente do lugar cando se decataron da presenza dos axentes que, grazas a unha inmediata reacción, lograron dar alcance á furgoneta que, durante o seu curto traxecto, ignorou os sinais luminosos e acústicas das autoridades.
Nos rexistros efectuados, tanto ao vehículo como aos ocupantes, interviñéronse preto de 50 dose de cocaína e 184 euros en efectivo ao condutor.
Os axentes descubriron ademais que o acompañante acudira á cita nunha motocicleta que estaba estacionada nas inmediacións do lugar onde supostamente estaban a xestionar a transacción da droga.
Os dous detidos, xunto coas dilixencias e os efectos intervidos, foron postos ao dispor do xulgado de instrución de garda de Vilagarcía de Arousa.
Ambos foron denunciados, igualmente, por non respectar o confinamento que determina o vixente estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus.