Un traballador da lavandería do Hospital: "Ante os primeiros positivos solicitamos máscaras e se nos negaron"
Por Anxo Lourido
O venres 6 de marzo, unha traballadora do servizo de lavandería do Hospital Provincial marchaba a casa con febre e con tose, síntomas do coronavirus. Ás poucas horas sabía que dera positivo na proba e informaba a Medicina Preventiva no Hospital Montecelo. O luns 9 eran varias persoas máis as que presentaban síntomas provocando o temor entre o colectivo. O 19 de marzo confírmanse tres positivos máis do persoal de lavandería.
Un traballador desta área comenta a PontevedraViva mantendo publicamente o seu anonimato para evitar represalias que, nese momento, "solicitamos máscaras por todos os medios e se nos negaron". Indica que a súa única petición era a de máscaras e lentes de plástico para evitar o aire que procede da roupa ao introducila nas máquinas de lavado. "Nunca pedimos EPIs (equipos de protección individual)", asegura.
A partir desas primeiras baixas, comezouse a contratar a persoal para realizar as substitucións. Tres desas traballadoras tamén se viron afectadas. Dúas, procedentes de Vigo, permanecen ingresadas e outra, veciña de Pontevedra, atópase nunha situación de dificultade ao ter que atender a un menor con trastorno do espectro do autismo.
A estes sete positivos hai que sumar o dun mecánico que estivo en contacto coa primeira das afectadas o 6 de marzo ao traballar na lavandería do Hospital Provincial, apuntan fontes sindicais.
Así describen os traballadores e os sindicatos PROSAGAP e Co.bas os feitos que se produciron neste servizo hospitalario ao longo do mes de marzo. En total, oito persoas afectadas polo COVID-19 la lavandería.
Pola súa banda, a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) foi variando as cifras de afectados. Inicialmente indicábase, desde o seu departamento de prensa, que só había unha persoa de lavandería contaxiada polo virus. Ao longo deste mércores ampliábase a cifra a 4 afectados dun cadro de persoal, segundo o CHUP, de 16 persoas que traballan na zona de lavado de roupa.
Os traballadores entenden que desde a dirección ou se está faltando á verdade por unha neglixencia para tapar a falta de prevención inicial ou porque non se decataron dos positivos, "o que sería aterrador porque se ti non te decatas do que pasa na túa casa, dificilmente vas a solucionar o que pasa fóra", afirma un operario do centro.
"A xente das lavadoras traballa cara a cara, a medio metro de distancia"
A finais de marzo, ante a situación, desde Prevención de Riscos Laborais dotouse ao persoal de lavandería de xel de mans e das máscaras solicitadas, un elemento imprescindible porque como conta o persoal "a xente das lavadoras traballa cara a cara, a medio metro de distancia". A xerencia permitiu a instalación de dúas pantallas no lavadoiro para que non lles chegue o aire da roupa á cara e o espazo foi desinfectado con lixivia. En todo caso, os traballadores afirman que "andamos con pés de plomo desde os primeiros positivos".
Diego Outón, delegado de Prevención, pertencente ao sindicato PROSAGAP, afirma que non saben como está a contabilizar o Sergas os positivos. Sinala que todos os días reciben un informe cos datos do número de persoas afectadas e, desde hai días, constan 4 persoas en lavandería. "Supoñemos que non están a contabilizar aos que son contratados ou que só informan dos casos activos de xente enferma neste momento", apunta o representante sindical.
"Estamos afeitos a que digan unha cousa e que despois a desmintan. Non me sorprende o da lavandería", afirma Outón, que engade que no caso da lavandería, a xerencia debería actuar doutra forma ante o primeiro positivo "hai que velo con mimo".
"Consideraban que non eran necesarias medidas porque non estaban en contacto con enfermos, porque traballan separados, dicían. Pero se non teñen espazo para traballar separados e ademais xa tiveron contacto cun enfermo, ao haber un compañeiro que deu positivo!", indica o representante de PROSAGAP con preocupación.
Diego Outón, delegado de Prevención: "Sería adecuado ter unha máscara para todos e máis cando hai un positivo na unidade"
Denuncia que esta situación pode producirse noutros casos: "as telefonistas están nunha mesa de tres metros de longo e alí traballan catro persoas. En vestiarios todos ao saír xúntanse. Hai momentos na xornada laboral na que non é posible manter o distanciamento. Sería adecuado ter unha máscara para todos e máis cando hai un positivo na unidade".
Alerta de que na área sanitaria de Pontevedra non se realizan convenientemente os mecanismos e protocolos debido á falta de persoal. Reclaman, nas distintas comisións desde o 3 de marzo, máis persoal para Medicina Preventiva e para Prevención de Riscos Laborais, co obxectivo que fagan un seguimento dos casos porque entenden que estes departamentos atópanse "superados" neste momento, xa que teñen que realizar os labores de medidas a adoptar e de vixilancia para detectar posibles casos ao mesmo tempo que imparten cursos de formación para o persoal.
Diego Outón lamenta que nas reunións coa dirección non se teña en conta as peticións dos delegados de Prevención para incrementar o persoal durante os dous próximos meses. "Non é crear prazas da nada. É un contrato de dous meses por acúmulo de tarefas. Está tipificado para estes casos e non o están facendo expoñendo aos traballadores a un risco", conclúe.
Relacionadas:
-
Sindicatos dos hospitais de Pontevedra acusan á xerencia de "maquillar" os datos sobre profesionais contaxiados
Por Redacción |
-
Concentracións para demandar probas PCR para o persoal sanitario
Por Redacción |
-
Catro de 85 traballadores do servizo de limpeza de Montecelo dan positivo nas probas de coronavirus
Por Anxo Lourido |
-
7 de 50 traballadores de limpeza do Hospital Provincial dan positivo nos test rápidos de Covid-19
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A área sanitaria conta con 61 profesionais contaxiados por coronavirus
Por Redacción |
-
Persoal de Montecelo critica que se coloquen pacientes con coronavirus en habitacións compartidas
Por Natalia Puga |
-
Alertan de que oito dos dez traballadores da lavandería do Hospital Provincial contaxiáronse
Por Redacción | Creada e actualizada