Cerdedo-Cotobade anuncia a adquisición de 7.000 máscaras para repartir entre os veciños
Por Redacción
Co obxectivo de diminuír o risco de contaxio por coronavirus entre os veciños de Cerdedo-Cotobade e ante a posibilidade de que o Goberno poida esixir o uso masivo de elementos de protección, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de anunciar que o Concello acaba de adquirir unha partida de 7.000 máscaras que se pretenden distribuír entre os máis de 5.600 veciños do municipio.
O Concello encargou este lote á firma A Nosa Tapicería, do veciño concello de Campo Lameiro, e comezará a repartilas, gratuitamente, ao longo da presente semana entre todos os cidadáns. Están elaboradas con material Téxtil Non Tecido (TNT) cun filtro interno de papel similar ás cirúrxicas e son lavables e reutilizables.
Previo á distribución, o goberno local está a determinar o cronograma e o sistema de reparto das máscaras de protección tendo en conta a gran superficie do municipio, de máis de 200 quilómetros cadrados, e a dispersión poboacional ao longo das súas 21 parroquias.
En principio, e a falla de precisar con exactitude o modo en que se lle fará chegar aos veciños, todo apunta a que se artellará un sistema mixto, no que se alternará a presenza dun punto de entrega itinerante por todas as parroquias e unha distribución domiciliaria no caso de persoas maiores, con discapacidade ou con problemas de mobilidade.
"Estamos tratando de perfeccionar o sistema máis áxil e máis seguro dende o punto de vista sanitario tendo en contas as características do noso concello", detallou Cubela, tendo en conta que unha entrega só domiciliaria "levaría moitísimo tempo, xa que temos case 2.000 vivendas habitadas, e ademais estaríamos a realizar unha mobilidade excesiva de persoal e certo contacto físico, aínda que sexa mínimo, que vai contra as directrices de illamento social que rexe no actual protocolo xeral fronte ao coronavirus".
O operativo de entrega vai estar dirixido por Protección Civil, en coordinación co goberno local, que mesmo vai contar coa participación activa do alcalde e varios concelleiros no reparto, xunto coa colaboración dos voluntarios. Todos eles actuarán "respectando ao máximo as normas sanitarias e as medidas de prevención".
Relacionadas:
-
A Brilat desinfecta centros de maiores en Cerdedo e Protección Civil encárgase dos espazos públicos do municipio
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade completa a repartición a domicilio de máscaras a todos os seus veciños
Por Redacción |
-
Máscaras por alimentos para combater todas as ameazas do coronavirus
Por Manu Otero |
-
Máscaras para todos en Campo Lameiro
Por Redacción |
-
A Brilat repite despregamento en Marín e desprázase ata Cerdedo-Cotobade
Por Natalia Puga |
-
Cerdedo-Cotobade activa un protocolo de xestión sanitaria do lixo
Por Redacción |
-
Comida e subministro domiciliario para 40 familias de Cerdedo-Cotobade durante o estado de alarma
Por Redacción |