Cen días de prisión para un veciño de Vilagarcía que incumpriu catro días o confinamento
Por Natalia Puga
Un veciño de Vilagarcía de Arousa acaba de ser condenado por incumprir as restricións do estado de alarma. O home saltouse o confinamento catro días e, ao cuarto, foi detido e posto a disposición xudicial. Finalmente, foi condenado a cen días de prisión, aínda que poderá eludir a pena se non delinque durante tres anos.
A sentenza condenatoria ditouna o Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa e o sospeitoso mostrouse conforme coa pena, polo que non recorrerá a resolución.
A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa considérao responsable dun delito de desobediencia e indica na sentenza que actuou sendo coñecedor "da vixencia do estado de alarma no territorio nacional" e "con absoluto menosprezo á limitación da liberdade de circulación que fora imposta e sen causa xustificada".
O condenado foi interceptado por catro axentes da Policía Nacional sobre as 18.30 horas do xoves 26 de marzo cando abandonaba o seu domicilio sen motivo aparente. E xa era a cuarta vez que tiña un comportamento similar.
Así, segundo consta na sentenza, xa fora denunciado administrativamente os días 16, 21 e 23 de marzo por incumprir o confinamento e saír á rúa sen motivo aparente.
A xuíza decretou a suspensión da pena imposta ao investigado durante tres anos, condicionada a que non delinca durante ese período.
Relacionadas:
-
Hostaleiros e comercios de alimentación vilagarcianos doan comida para persoas en risco
Por Oskar Viéitez |
-
Vilagarcía utilizará a residencia dos Pais Claretianos como aloxamento alternativo para familias
Por Oskar Viéitez |
-
"O loable é que a inmensa maioría da cidadanía está a cumprir rigorosamente as medidas de confinamento"
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- O "teatro" dun veciño de Meaño cando o sorprenderon facendo exercicio a 8 quilómetros da súa casa
Por Natalia Puga |
-
Enésima intervención policial por unha persoa bébeda e na rúa pese ao estado de alarma
Por Natalia Puga |
-
A Policía Local de Vilagarcía eleva a 9 as denuncias por incumprir a orde de confinamento
Por Oskar Viéitez |