O "teatro" dun veciño de Meaño cando o sorprenderon facendo exercicio a 8 quilómetros da súa casa
Por Natalia Puga
As escusas dos cidadáns para incumprir o estado de alarma non teñen límite. Nas últimas horas, a Garda Civil de Tráfico sorprendeu a un veciño de Meaño mentres facía exercicio por unha vía secundaria a 8 quilómetros da súa casa e, tras finxir que estaba indocumentado ou que descoñecía o estado de alarma, acabou facendo 'teatro' simulando que se atopaba mal de saúde, para tentar eludir a sanción que caerá polo seu incumprimento.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o home foi localizado por axentes do sector de Tráfico da Coruña que estaban a realizar vixilancias na AG-41, a autovía do Salnés, en reforzo aos seus compañeiros de Pontevedra. Á altura do municipio de Meaño, observaron a unha persoa facendo exercicio físico nunha vía secundaria paralela, incumprindo as restricións de movemento establecidas no estado de alarma e achegáronse a el.
A súa reacción #ante a chegada dos axentes foi alegar estar indocumentado e asegurar que descoñecía as restricións de movemento, pero, ao ver que as súas versións non funcionaban, finxiu os síntomas do coronavirus. Esta reacción motivou que os axentes adoptasen as medidas protocolarias establecidas e mobilizar a medios sanitarios.
Segundo explica Héctor Teixiera, do subsector de Tráfico, "empezou a dicir que tiña suores, tremores, que se atopaba moi mal e que non podía seguir". Camiñara 500 metros desde o lugar no que lle daban o alta cando empezou a facer "a película" con eses síntomas, de modo que os axentes, ante a posibilidade de que realmente necesitase axuda médica, alertaron a unha ambulancia.
Mentres os gardas esperaban con el a chegada dunha ambulancia, e vendo que co seu 'teatro' non evitaría ser denunciado, os supostos síntomas desapareceron repentinamente. "De súpeto, curouse", explica Teixeira, polo que, sen asistencia sanitaria, foi escoltado ao seu domicilio polos axentes, onde foi denunciado e confinado.
Desde a Garda Civil recoméndase á cidadanía colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e coas autoridades sanitarias en cumprimento o Real Decreto do estado de alarma.
Respecto diso, o axente Teixeira insiste en que este home alegaba que camiñaba polo campo e non facía dano a ninguén co seu desprazamento, pero, en realidade, puido poñer en perigo de contaxio a todas as persoas coas que se cruzou porque estaban a pasear ao seu can ou realizando algún dos desprazamentos permitidos durante o estado de alarma.
Ademais, insisten en que existe un risco engadido, pois o seu desprazamento pode derivar en que sufra algún tipo de accidente que implique a mobilización de medios sanitarios que nestes momentos son aínda máis necesarios que nunca para atender a emerxencia sanitaria do coronavirus.
En todo caso, a Garda Civil insiste en agradecer a colaboración que está a prestar a inmensa maioría da poboación.