Cerdedo-Cotobade remata a terceira fase do seu plan de eficiencia enerxética do alumeado público
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar a terceira fase do seu plan de eficiencia enerxética do alumeado público, que beneficiou nesta ocasión a sete lugares das parroquias de Quireza, Castro e Figueroa.
Nos dous últimos anos, mudaron un total de 363 focos da iluminación exterior e o Concello conseguiu mellorar a potencia ao tempo que reduciu o consumo e a factura enerxética nunha media dun 60% na rede de 16 lugares do territorio de Cerdedo.
Esta última actuación, financiada ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2019 da Xunta de Galicia, permitiu modernizar 133 luminarias, substituíndo as antigas de vapor de sodio por outras moito máis eficientes de tecnoloxía Led, que ademais melloran a luminosidade das vías e os espazos públicos.
En concreto, a medida beneficiou aos lugares de Vilarchán (11 puntos de luz), Mamoalba (7), Cuiña (25), Bugarín (18), Castro de Medio (42), Castro do Cabo (13) e Deán (17).
O investimento, que reduce a potencia de 64.000 a 28.272 kilovatios, complementouse coa instalación de reloxos astronómicos, que axustan automaticamente o seu funcionamento ás horas da noite aforrando ademais ata 200 horas de consumo.
O plan de eficiencia enerxética, que se está a desenvolver no territorio de Cerdedo, xa beneficiou a 16 lugares das parroquias de Pedre, Tomonde, Quireza, Figueroa e Castro grazas a un investimento global de 120.000 euros que permitiu reducir o consumo de 178.000 a 70.000 kilovatios e minguar as emisións de dióxido de carbono nunhas 30 toneladas anuais, xa que as lámpadas Led son moito menos contaminantes que as antigas de vapor.