Cerdedo renovará o 70% da iluminación pública con sistemas eficientes antes de final de ano
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai ter renovado o alumeado público, coa implantación de sistemas eficientes de baixo consumo e tecnoloxía Led, no 70% dos lugares do territorio de Cerdedo antes de que remate o presente ano, xa que está lista para comezar a cuarta fase do Plan de Eficiencia Enerxética tras a adxudicación do concurso a prol das empresas Formatesa Lalín, que gañou tres lotes, e RoomelService, que se fixo co restante.
Esta nova quenda, que ao igual que as tres anteriores estase a desenvolver en Cerdedo para pasar a Cotobade en vindeiras anualidades, ten previsto o reemprazo de 269 puntos de luz de 20 aldeas que se atopan en malas condicións e que teñen un elevado consumo por outros de tecnoloxía Led que dispoñen de máis luminosidade e durabilidade e xeneran menos gasto.
Nesta ocasión, a actuación realizarase nos lugares de Laxoso, A Devesa-Barbeira, Serrapio, Figueroa, Loureiro, Framil-Verdia, Insua-Milladoiro, Parada-Mouteira, Cachofés-Casal, Covas, Outeiro-Quinta, Cernados, Revolta e Vilariño cun investimento de 120.000 euros que será cofinanciado co Fondo de Compensación Ambiental (FCA) da Xunta e o Plan Concellos.
Esta actuación consistirá na renovación da tecnoloxía das luminarias, pasando das vetustas de vapor de sodio ás modernas Led, e na instalación de reloxios astronómicos nas 269 farolas, o que permitirá axustar o seu horario de funcionamento á luz solar para acadar unha maior eficiencia e, só deste xeito, aforrar 178 horas anuais de acendido. Ademais, e co menor tirón das novas bombillas, o consumo diminuirá neste caso en preto dun 50%, pasando dos 101.000 kwh anuais da actualidade a apenas 51.424. Así mesmo, as emisións de dióxido de carbono (CO2) cara a atmósfera reduciranse en 17 toneladas por exercicio.
Deste xeito, dáselle continuidade ás tres fases anteriores deste Plan de Eficiencia Enerxética que, ata a data e nos últimos tres anos, mudou un total de 363 luminarias nos lugares de Vilarchán, Mamoalba, Cuiña, Bugarín, Castro do Medio, Castro do Cabo, Deán, Figueroa, Pedre, Tomonde, Vilalén, Piñeiro, Os Castros, Tres Aldeas, Fondós e Outeiro.
Cando estea rematada a cuarta fase antes de finais de ano, o Concello terá cambiado, cun investimento global de 420.000 euros, un total de 632 luminarias de 36 lugares do territorio de Cerdedo, o que supón o 70% das aldeas do mesmo. Ademais acadarase unha importante redución do consumo e da factura municipal de en torno ao 56% xa que, nos núcleos cos sistemas renovados, pasará de 279.000 kwh anuais a só 122.000.
Relacionadas:
-
A estrada municipal entre Cavadosa e Caroi vai mellorarse cun investimento de 43.000 euros
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade remata a terceira fase do seu plan de eficiencia enerxética do alumeado público
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade implanta sistemas de eficiencia na iluminación de Quireza e Vilalén
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aforra 25.000 euros no servizo informático e no alumeado municipal
Por Redacción |
-
Cambio de luminarias en Pedre, Figueroa e Tomonde
Por Redacción |