O Plan de Eficiencia Enerxética chega a 20 aldeas de Cerdedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade anuncia o impulso á cuarta fase do Plan de Eficiencia Enerxética do municipio, que se está a desenvolver na súa parte inicial no territorio de Cerdedo e xa ten previsto cambiar 269 puntos de luz de 20 aldeas.
Cando estea rematada a cuarta fase, o Concello terá cambiado un total de 632 luminarias de 36 lugares do territorio de Cerdedo, o que supón o 70% das aldeas do mesmo, e ademais acadarase unha importante redución do consumo que, nas aldeas cos sistemas renovados, pasará de 279.000 kwh anuais a só 122.000.
Nesta cuarta fase actuarase en puntos de luz que se atopan en malas condicións e que teñen un elevado consumo e cambiaranos por outros de tecnoloxía Led que dispoñen de máis luminosidade e durabilidade e xeran menos gasto.
O Concello realizará un investimento de 120.000 euros cofinanciado co Fondo de Compensación Ambiental (FCA) da Xunta de Galicia e o Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra.
A nova iluminación chegará aos lugares de Laxoso, A Devesa-Barbeira, Serrapio, Figueroa, Loureiro, Framil-Verdia, Insua-Milladoiro, Parada- Mouteira, Cachofés-Casal, Covas, Outeiro-Quinta, Cernados, Revolta e Vilariño.
Ademais de renovar a tecnoloxía das luminarias, procederase á instalación de reloxos astronómicos nas 269 farolas, o que permitirá axustar o seu horario de funcionamento á luz solar para acadar unha maior eficiencia e, só deste xeito, aforrar 178 horas anuais de acendido.
O consumo diminuirá en case un 50%, pasando dos 101.000 kwh anuais da actualidade a apenas 51.424. Así mesmo, as emisións de dióxido de carbono cara á atmósfera reduciranse en 17 toneladas por exercicio.
Nas tres fases anteriores realizadas nos tres últimos anos, xa se cambiaron un total de 363 luminarias e logrouse un aforro estimado dun 60% na factura eléctrica municipal destas zonas.
Relacionadas:
-
Mouteira-Parada, único núcleo da provincia incluído na listaxe da Xunta de "aldeas modelo"
Por Manu Otero |
-
Cerdedo-Cotobade remata a terceira fase do seu plan de eficiencia enerxética do alumeado público
Por Redacción |
-
As melloras enerxéticas no CEIP de Tenorio ascenden a 510.000 euros
Por Almu Dapena |
-
Cerdedo-Cotobade implanta sistemas de eficiencia na iluminación de Quireza e Vilalén
Por Redacción |