Cerdedo-Cotobade e Poio superan os 30 litros por metro cadrado nos rexistros de chuvia das últimas horas
Por Redacción
A estación meteorolóxica de Rebordelo no municipio de Cerdedo-Cotobade foi a segunda en Galicia, despois da de Forcarei, en rexistrar os datos máis elevados de recepción de auga de chuvia durante a noite deste martes ao mércores 15.
Os datos reflicten que se recolleron 31 litros por metro cadrado nesa estación de Rebordelo. Tamén na Armenteira, no municipio de Poio se acadaban cifras elevadas con 30 litros por metro cadrado. A máis distancia xa se atopa Pontevedra con 27,5 l/m2.
En canto á forza do vento, a estación de Xesteiras no municipio de Cuntis recollía refachos de 123 km/ h. ás 02.40 horas da madrugada deste mércores. O segundo lugar onde sopraba máis forte o vento nas zonas de altitude de Galicia situadas por baixo dos 900 metros.
Este mércores será unha xornada de transición, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia, á espera da chegada dunha nova fronte este xoves que volverá deixar fortes precipitacións. Esta fronte arrastrará moita humidade e as choivas serán xeneralizadas en toda Galicia. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso e o vento soprará durante a mañna forte do suroeste, con refachos moi fortes, cambiando ao oeste tras o paso desta fronte.
A inestabilidade manterase durante o venres con ceos parcialmente nubrados e a presenza de chuvascos ocasionais. Ao longo do sábado, a situación será intermedia entre as altas e as baixas presións, con ceos parcialmente nubrados.