As instalacións deportivas municipais ao aire libre pechan o xoves polo temporal
Por Redacción
O Servizo Municipal de Deportes do Concello de Pontevedra decretou o peche das instalacións deportivas municipais ao aire libre (fútbol e rugby) no municipio para a xornada do xoves 16 de xaneiro, dende as 3.00 ata as 18.59 horas.
Segundo explica o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "a decisión, que afecta só ás instalacións ao aire libre, débese á alerta laranxa decretada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e ten un carácter preventivo, xa que o temporal pode dar lugar a situacións de risco".
A Comisión Escolar de Alertas tamén decidiu suspender para o xoves as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora. Segundo o establecido por Meteogalicia, este fenómeno adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade dasprovincias de Pontevedra, A Coruña e a Mariña de Lugo.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.