A Unesco interésase por aplicar nas illas pequenas o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A Unesco busca solucións simples e sustentables como o modelo de tratamento dos biorresiduos que ten en marcha a Deputación de Pontevedra para adaptalas con éxito a algúns territorios dentro do seu programa Small Islands (SMILO), este é o caso de Isla de Príncipe.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, acompañado do asesor de residuos Carlos Pérez, do director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) Carlos Vales, e da técnica María Martínez Abraldes, recibiu este xoves ao asesor científico da Unesco, Antonio Abreu, con motivo do seu interese polo Plan Revitaliza de compostaxe.
Segundo explicou César Mosquera, esta illa africana de Príncipe, declarada reserva da biosfera pola Unesco e destino turístico de alto nivel, quere aplicar este modelo Revitaliza baseado na compostaxe de proximidade para xestionar o seu lixo orgánico, tal e como anunciara o propio presidente do goberno autónomo José Cardoso dos Ramos Cassandra, nunha anterior visita a Pontevedra.
"Non é só en Príncipe xa que hai outras illas no mundo que están a aplicar este programa", sinalou o vicepresidente. Mosquera destacou que na Deputación "estamos a facer todo o posible para colaborar e mesmo para aprender" en vista do "entusiasmo" co que se acolleu este cambio do sistema de recollida e tratamento de lixo no seu país.
O asesor científico da Unesco explicou que na Illa de Príncipe "o tratamento dos residuos é un problema central xunto coa enerxía, a auga, a paisaxe ou o desenvolvemento económico" polo que, cando souberon das boas prácticas do Plan Revitaliza, "viñemos coa intención de coñecer mellor este programa" para aplicalo neste pequeno país do Golfo de Guinea.
O país de San Tomé e Príncipe é un arquipélago con 200.000 habitantes dos que 10.000 están na illa de Príncipe, a máis pequena, situada a 250 quilómetros do continente africano.
"Estamos a comezar o proxecto" indicou Antonio Abreu respecto ao momento no que se atopa a aplicación do modelo de compostaxe na illa.
Durante a súa estancia destes días en Pontevedra programaron un calendario cos próximos pasos a seguir, tamén se acordou dar formación técnica aos cidadáns de Príncipe que se encargarán do funcionamento deste sistema, para o que terán que pasar un tempo nas Rías Baixas para aprender.
Paralelamente supervisarase a instalación da infraestrutura necesaria na illa porque "antes de final de ano isto ten que estar operativo", dixo o asesor científico da Unesco.
Ademais Antonio Abreu destacou que con este proxecto "non vai haber resistencia" porque "foi escollido pola propia poboación", concretamente por un órgano consultivo denominado comité insular do que forman parte "todos os actores, desde os líderes tradicionais, o tecido empresarial, o goberno, as autoridades e entidades todas" engadindo que están "ansiosos esperando polo inicio deste proxecto".
Antonio Abreu comentou que tamén "en Guinea Bissau, Tunes, Senegal xa están a pensar en implementar exactamente este proxecto".
O técnico da Unesco concluíu que, dentro da Axenda 2030 da ONU, este proxecto traballa sobre "o máis importante dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable" como é o tecer alianzas entre os gobernos, o sector privado e a sociedade civil construídas sobre principios e valores, unha visión e metas compartidas, que colocan á xente e ao planeta no centro.
Relacionadas:
-
Unha delegación de Guinea Bissau visita a Deputación para afondar no plan Revitaliza de xestión de biorresiduos
Por Oskar Viéitez |
-
Encontro de profesorado das quince escolas asociadas da Unesco no Pazo da Cultura o Día do Medio Ambiente
Por Redacción |
-
"Un proxecto revolucionario no mundo que vai cambiar as cousas"
Por Oskar Viéitez |
-
As illas do chocolate renuncian ao fertilizante sintético e copian o sistema de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Illa de Príncipe dedicará dous meses a formarse en compostaxe vendo exemplos na provincia
Por Redacción |
-
Os concellos do Plan Revitaliza piden axudas á Deputación para contratar mestres composteiros
Por Redacción |
-
Todos os concellos do Plan Revitaliza estrearán en 2020 composteiros comunitarios e individuais
Por Redacción |
-
Marín estuda cinco zonas semiurbanas para instalar composteiros comunitarios
Por Redacción |
-
O presidente de Illa de Príncipe, onde veranean Brad Pitt e Bill Gates, interesado no plan de compostaxe pontevedrés
Por Anxo Lourido |