A Garda Civil localiza un cultivo de marihuana no interior dunha nave en Samieira
Por Oskar Viéitez
Efectivos da Garda Civil de Sanxenxo investigaron a catro mozos como supostos autores dun delito contra a saúde pública, como presuntos responsables dunha plantación "indoor" de marihuana que se localizou nunha nave que tiñan alugada na parroquia de Samieira do municipio de Poio.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os presuntos responsables da plantación resultaron ser catro veciños de Vilanova de Arousa e Ribadumia, en idades comprendidas entre os 25 e os 40 anos, dous deles con antecedentes policiais por delitos similares. Aos catro notificóuselles a súa condición de investigados como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, na súa modalidade de cultivo e elaboración de drogas.
As investigacións iniciáronse cando a Garda Civil ten sospeitas dunha plantación de marihuana no interior dunha nave en Samieira. As xestións realizadas polos axentes, coa colaboración doutros efectivos da Garda Civil da zona de Arousa, permitiron pescudar que a nave estaba a ser utilizada por catro mozos, unicamente para fins de cultivo desta substancia.
Unha vez obtidos os indicios que evidenciaban a existencia deste cultivo, o pasado martes a Garda Civil procedeu á fase de explotación da operación coa entrada e rexistro do inmoble, onde se localizaron 341 plantas de marihuana en período de crecemento, cun sofisticado sistema de ventilación.
O interior da nave, duns 400 metros cadrados, estaba perfectamente acondicionado e compartimentado para o cultivo das plantas nas súas diferentes fases de crecemento, con estruturas portantes, instalación de filtros, lámpadas de alta voltaxe, ventiladores e ata dous xeradores de corrente conformaban o material necesario para que a marihuana crecese con celeridade.
As dilixencias instruídas, xunto cos efectos intervidos e as plantas incautadas, foron postas ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Pontevedra, onde deberán comparecer os investigados cando sexan citados.
Relacionadas:
-
Un pai e o seu fillo, detidos en Poio por cultivar marihuana na casa e vendela a terceiros
Por Redacción |
-
Interceptan en Barro a dous mozos italianos con máis de 300 gramos de marihuana
Por Redacción |
-
Denuncian once mozos por tenencia e consumo de drogas nun bar de Bueu
Por Redacción |
-
Incautan unha plantación de marihuana nun invernadoiro de Vilalonga
Por Redacción |