A Deputación pide a retirada da "desfeita monumental" que supón a creación da 'Sogama da auga'
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O Pleno da Deputación de Pontevedra acordou por maioría solicitar á Xunta de Galicia a retirada do anteproxecto de lei de creación da "Sociedade para a xestión do ciclo integral da auga", coñecida popularmente como a "Sogama da auga", unha sociedade mercantil pública autonómica rexida polo dereito privado, cun capital social repartido en forma de accións, na que deputaciones e concellos serían socios minoritarios.
A moción conxunta presentada polo Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego rexeita esta iniciativa do goberno de Núñez Feijóo que pretende atribuír á institución provincial unha "competencia impropia" consistente na participación directa na xestión do abastecemento domiciliario de auga e no saneamento, "vulnerándose outra vez a súa autonomía recollida na Constitución".
O portavoz do grupo provincial socialista, Carlos López Font acusou ao Executivo autonómico de "montar un chiringuito" con esta proposta que valora como unha "desfeita monumental" e asegurou que "la Xunta suple su inoperancia con leyes para que paguen los concellos".
López Font fixo unha defensa da "autonomía local" e reprochou que a Xunta actúe "como unha centrifugadora" ao aplicar a máxima de "yo legislo y vosotros pagáis".
Pola súa banda, o portavoz do grupo provincial do Bloque, César Mosquera, lamentou o carácter "coactivo" co que se está deseñando esta iniciativa da Xunta "a diferenza do que ocorre con Sogama cuxa adhesión é voluntaria", mentres que neste caso preténdese montar unha empresa de xestión hidráulica reservándose a Xunta toda a capacidade de decisión, mentres obriga a concellos e deputacións a financiar os investimentos, a razón dun terzo por cada parte.
VOTO TELEMÁTICO
"En cuanto se pueda aplicar legalmente se dará desarrollo al voto telemático en las sesiones plenarias", respondeu á moción do PP desde o Goberno provincial o deputado Carlos López Font esgrimindo un informe elaborado polo secretario da Deputación no que se advertía que esta figura non se contempla directamente na normativa básica sobre réxime local. A moción non foi sometida a votación "porque sería ir en contra da legalidade" constando en acta a "protesta enérxica" do PP.
APOIO FORZAS SEGURIDADE EN CATALUÑA
Finamente foi aprobada cos votos do PP e do PSOE unha moción do grupo provincial do Partido Popular para mostrar o apoio da Corporación provincial ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado despregados en Cataluña "como garantes do estado de dereito". O BNG votou en contra.