O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou o orzamento da institución para o ano 2020 que alcanza os 161 millóns de euros, o que supón un incremento dun 1,9 % respecto ao anterior. O PSOE e o BNG votaron a favor e o PP votou en contra.
A sesión plenaria estivo presidida polo vicepresidente César Mosquera en ausencia da titular da administración provincial, Carmela Silva, despois do recente falecemento da súa nai. A corporación trasladou o seu agarimo cara á presidenta.
En defensa das contas provinciais saíu o deputado socialista Carlos López Font que debullou as "cinco liñas estratéxicas" que conforman a acción de goberno deste orzamento: a sustentabilidade e a transición ecolóxica, á que se destinan 27,4 millóns de euros; economía, innovación e emprego, con 10,4 millóns; avance sociocultural e deportivo, 33,9 millóns; igualdade, 1,3 millóns e asistencia económica e técnica aos concellos, con 54,4 millóns de euros.
O goberno provincial destina ao Plan Concellos 42,2 millóns de euros. "Es el mejor presupuesto y quien no lo entienda así es que no está en el año 2020", asegurou o deputado socialista López Font.
Font lamentou a "falta de rigor" do PP nas súas críticas a este orzamento "porque no lo han leído" e destacou que a Deputación de Pontevedra dedica directamente aos concellos o 30% do seu orzamento, o que a converte na administración provincial de todo o Estado que máis recursos transfire directamente aos concellos segundo os datos do Ministerio de Facenda correspondentes ao pasado ano.
"Tienen una profunda envidia del gobierno unido que representamos", concluíu López Font.
César Mosquera, como portavoz do BNG, valorou que son uns orzamentos "prudentes, dada a situación que hai no Estado" polo que non se teñen todos os datos para elaborar todas as contas "que esperamos axustar á alza".
"É un orzamento moi traballado", concretamente desde o mes de agosto, dixo o deputado nacionalista que tamén destacou que "a execución vai ser bastante mellor" respecto a exercicios anteriores polo que "creo que o Partido Popular debería votar a favor", dixo.
Para o portavoz do Partido Popular na Deputación, Jorge Cubela, estes orzamentos "fomentan o desequilibrio da provincia e o abandono dos pequenos concellos" e serven para "poñer a comisarios políticos por encima dos xefes de servizo".
Jorge Cubela incidiu no incrementos que se rexistran nas partidas destinadas a gasto corrente "ata os 110 millóns de euros", facendo fincapé no diñeiro dedicado a "persoal e asesores".
Tamén lamentou que para a súa elaboración non se contase "nin cos concellos, nin cos colectivos" e insistiu en que "para o único que foron feitos é para a promoción política do goberno bipartito, coa gran desaparición do BNG".
O Partido Popular destacou que as contas da Deputación para 2020 non inclúen solucións para a comarcalización dos parques de bombeiros de Pontevedra e Vigo, tamén advertiron que "baixan os orzamentos para o Plan Concellos".
Jorge Cubela lamentou que o orzamento contemple "moita propaganda" e que aplica "a lei do máis forte" sobre a oposición representada polo PP xustificando o voto en contra do seu partido a estes orzamentos para 2020.