A Xunta insta ás deputacións a "demostrar a súa utilidade" nun asunto tan esencial como a auga
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, dixo que "as deputacións teñen a oportunidade histórica de demostrar a súa utilidade nun asunto tan esencial como a auga", en referencia á intención do goberno galego de crear por lei a sociedade para a xestión do ciclo integral da auga, coñecida popularmente como a Sogama da auga, unha sociedade mercantil pública autonómica na que deputacións e concellos serían socios minoritarios e terían que pagar un canon para financiar a súa participación.
Deste xeito, a conselleira saíu ao paso da decisión aprobada no pleno da Deputación de Pontevedra que rexeita este plan da Xunta porque entende que lle atribúe unha "competencia impropia a deputacións e concellos vulnerando de novo a autonomía local" reservándose, ademais, a capacidade de decisión sobre a xestión.
Nunha visita a Cerdedo Cotobade acompañada de Jorge Cubela, alcalde deste municipio e voceiro do Partido Popular la Deputación de Pontevedra, a conselleira Ethel Vázquez puxo en valor o esforzo e o traballo que vén realizando a Xunta por axudar aos municipios na prestación de mellores servizos de saneamento, abastecemento e depuración aos seus veciños.
Ethel Vázquez destacou que "estes servizos que son de competencia e de responsabilidade municipal", como establece a Lei de Bases de Réxime Local, "e as Deputacións, por lei, teñen a obriga de auxiliar aos concellos", engadiu.
Xustificou que a Xunta está a impulsar a "Sogama da auga", para "apoiar aos concellos na correcta explotación e mantemento das obras xa feitas". Porque, tal e como subliñou, "as infraestruturas hai que executalas, pero tamén cómpre explotalas e mantelas en boas condicións".
A conselleira fixo finalmente unha reflexión sobre "o lóxico que sería ver implicación e compromiso por parte das Deputacións neste proxecto". E aquí defendeu que "as Administracións están para mellorar servizos e favorecer aos cidadáns".
A conselleira salientou que "as deputacións provinciais, que ostentan o deber legal de apoiar aos concellos, teñen a oportunidade histórica de demostrar a súa utilidade nun asunto tan esencial como a auga".
VISITA A CERDEDO COTOBADE
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do alcalde, Jorge Cubela, avanzou este martes o remate a principios do vindeiro ano 2020 das obras de mellora do saneamento da parroquia de Tenorio, no concello de Cerdedo-Cotobade, cun investimento autonómico de 1,8 millóns de euros.
A intervención consiste na execución dunha nova rede de colectores, novos bombeos en Covas e Lérez e a construción dunha nova depuradora de augas residuais. O obxectivo é arranxar as deficiencias existentes e optimizar a rede de saneamento e depuración desta parroquia, ofrecer unha mellor prestación dos servizos aos veciños e manter o rico ecosistema fluvial desta entorna.
Vázquez Mourelle destacou que estas actuacións, cuxo grado de execución rolda nestes momentos 50%, contribuirán tamén á mellora da calidade das augas do río Lérez catalogado como lugar de importancia comunitaria.