'Galega 100%', o selo que garante a calidade do leite de Galicia
Por Redacción
A Marca de Garantía 'Galega 100%' é unha certificación, impulsada pola Xunta de Galicia, que avala e identifica o leite galego de calidade diferenciada e que garante a trazabilidade desde as granxas ata as casas.
Con oito anos de andaina, este selo de calidade consolídase no mercado lácteo, no que, ademais de leite, tamén contan con este distintivo queixos, xeados, iogures e outras sobremesas preparadas con leite galego.
'Galega 100%' nútrese do leite producido nas ganderías incorporadas ao Rexistro Galego de Explotacións de Calidade Diferenciada, creado polo Decreto 57/2010, do 8 de abril, e modificado posteriormente para perfilar as condicións de integración. Estas granxas deben cumprir uns requisitos de calidade excepcionais e superiores á esixente normativa comunitaria.
SELO DE CALIDADE
Este selo saía ao mercado o 7 de febreiro de 2011 como a única identificación que avala o leite galego de calidade diferenciada. Deste xeito, 'Galega 100%' ofrece un produto da máxima calidade, suxeito aos controis dos servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia e garantido pola certificación de calidade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo encargado tamén da realización das auditorías de seguimento para verificar o bo uso da marca.
O LIGAL analiza a diario os parámetros do leite, certifica a súa calidade e 700 profesionais sanitarios da Xunta velan pola garantía sanitaria do leite. Os servizos veterinarios oficiais da Xunta realizan cada ano máis de 2.700 controis de benestar animal nas explotacións de vacún, o 50% do total español.
A posta en marcha desta marca de garantía respondeu á aposta da Xunta pola valorización do leite galego, unha vella demanda do sector.
En menos dun ano, 'Galega 100%' consolidouse como a referencia indiscutible do leite de calidade producido e envasado en Galicia. Arrancou con catro marcas comerciais (Leyma, Feiraco, Larsa e Deleite) ás que se foron sumando moitas outras marcas que se poden consultar premendo neste enlace.
Ademais, existe unha web (www.galega100x100.gal) na que se pode consultar todo o relacionado con este selo, como os requisitos para ser 'Galega 100%' ou os produtos certificados como tal.
GARANTÍA PARA O CONSUMIDOR
Deste xeito, o selo 'Galega 100%' ofrece hoxe un produto da máxima calidade, que permite ao consumidor unha identificación fácil e sinxela, o que contribúe a poñer en valor este produto nos mercados. O consumidor que escolla un produto no que aparece este distintivo, ten a seguridade de estar consumindo un produto de Galicia dunha calidade excepcional.
Para afianzar este selo de calidade entre os consumidores, a Consellería do Medio Rural vén desenvolvendo unha intensa actividade de promoción. Só no que vai de ano, 'Galega 100%' estivo presente en sete eventos diferentes relacionados coa gastronomía ou co deporte, caso do Fórum Gastronómico da Coruña, a feira Xantar de Ourense ou Expordes 2019. Así mesmo, fíxose promoción do seu consumo na carreira pedestre de Frades ou en varios partidos de baloncesto na cidade das Burgas.
SECTOR ESTRATÉXICO
O lácteo ten a condición de sector estratéxico para Galicia. Na nosa Comunidade prodúcese case o 40% do leite de España e localízase máis da metade do total nacional de explotacións lácteas. Así, Galicia é unha das primeiras rexións europeas produtoras de leite, ocupando actualmente o oitavo posto dentro da UE. O pulo deste sector ponse de manifesto tamén porque os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente uns 800 millóns de euros e a produción de leite no 2018 chegou aos 2,8 millóns de toneladas, consolidando a Galicia como líder indiscutible no ámbito nacional.
DÍA MUNDIAL DO LEITE
O pasado 1 de xuño, Galicia sumábase á celebración do Día Mundial do Leite, instituído pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e que se conmemorou por primeira vez no ano 2001. O obxectivo desta iniciativa é incentivar o consumo de leite e de produtos lácteos entre a poboación, tendo en conta os seus indubidables beneficios para a saúde.