Carme da Silva, orgullosa da "intensísima" campaña, agarda ser deputada para loitar contra a ultradereita machista

Por Redacción
A cabeza de lista polo BNG en Pontevedra, Carme da Silva, agarda que os resultados que saian das urnas este domingo 28 de abril lle dean un asento como deputada para exercer de voz de Galicia no Congreso.
Da Silva realizaba, acompañada por Demetrio Gómez, na sede do Bloque Nacionalista Galego en Pontevedra un balance do desenvolvemento dunha campaña "intensísima" e con múltiples apoios nos actos, na rúa e nas redes sociais. Destacou a alta participación cidadá ao longo dos 237 actos organizados durante estas últimas semanas para, a continuación, facer un chamamento á xente nova, ás persoas indecisas e ás decepcionadas na última lexislatura para que voten o BNG e concentren así os votos "en clave de país".
A candidata nacionalista lembrou que o voto ao BNG terá un valor dobre, por unha banda permitirá que Galicia conte en Madrid e, por outra, será determinante para facer fronte á ultradereita alertando de que as forzas conservadoras queren que as mulleres estean atadas á pata da mesa e que as violadas non poidan elixir se seguen adiante cun embarazo ou non.
Ademais, criticou a Ana Pastor, a ex ministra de Fomento e cabeza de lista pola provincia do PP, que di agora "sen ruborizarse" que está indignada porque non se lle transfire a Galicia a autoestrada AP-9. Carme da Silva pregúntase o porqué desta indignación cando a popular tivo na súa man a posibilidade de cambiar esta situación e liberar as peaxes. Para a candidata nacionalista, a AP-9 debe ser galega, pública e sen peaxes e está convencida de que se pode conseguir.
MANIFESTACIÓN DE ENCE
Da Silva quixo tamén referirse á manifestación deste venres organizada polos comités de empresa de Ence para pedir a permanencia da fábrica pasteira en Lourizán. "Ence e o PP entraron en campaña antes da campaña", sinalou, para facer referencia ás pintadas ameazantes na súa contra nas proximidades á súa vivenda.
Denunciou que a empresa está a comprar todas as vontades posibles e forzando mecanismos ao seu alcance coa intención de lograr o seu obxectivo de continuar na ría de Pontevedra.
Afirmou que a empresa chegou a "comprar gobernos" para que lles concedesen prórrogas absolutamente "ilegais". A manifestación era "previsible", apuntou, para engadir que da mesma maneira que Ence abriu a campaña tamén quere pechala.
XORNADA DE REFLEXIÓN
Carme da Silva pasará a xornada de reflexión deste sábado gozando dos concertos do Galegote Rock e asistirá ás probas de elite feminina dos Mundiais de Tríatlon para o resto do día dedicarllo á familia e amizades. O domingo acudirá a votar, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, ao local social de O Gorgullón a primeiras horas da mañá.
Relacionadas:
-
O BNG pide un 8 de marzo nas urnas para frear á dereita "antigalega" e "cavernícola"
Por Redacción |
-
Carme da Silva comprométese a modificar a lexislación que só beneficia ás grandes empresas
Por Redacción |
-
Carme da Silva apela ao BNG como voto con valor dobre ante a "ristra de incumprimentos" de PP e PSOE con Pontevedra
Por Redacción |
-
O BNG pon o foco na xente nova que tivo que emigrar e propón medidas para que regrese "a sacar adiante o país"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
O BNG nota unha corrente de simpatía que aumenta "cada día", con xente desexosa de "volver dar voz a Galicia en Madrid"
Por Natalia Puga |