Carme da Silva comprométese a modificar a lexislación que só beneficia ás grandes empresas

Por Redacción

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, mantivo un encontro con representantes do pequeno comercio de Pontevedra este martes para trasladarlles as iniciativas que o Bloque trasladará de cara ás eleccións xerais deste 28 de abril.
Unha das principais propostas é a de modificar a lexislación actual que está pensada desde Madrid para favorecer as grandes empresas de distribución e de comercialización que limitan as alternativas de contratación real para o comercio local e as empresas de pequeno formato.
Deste xeito, explicou aos empresarios que a recente normativa pon trabas ás empresas de pequenas dimensións para competir coas grandes multinacionais á hora de prestar servizos ás administracións.
Neste sentido, Carme da Silva explicou aos comerciantes que antes do camibo lexislativo os concellos podían optar polo comercio local á hora de afrontar calquera contrato, desde material de oficina, limpeza ou talleres mentres que a actual lexislación o impide.
A tarifa eléctrica é outra das propostas que o BNG quere levar ao Parlamento. Da Silva quere unha tarifa eléctrica galega que resulte un 30% máis econónmica que a vixente, que resulte máis beneficiosa para empresas e para familias. Sinala que malia producir a electricidade se paga a tarifa máis cara do Estado. Por este motivo, os nacionalistas reclaman o mesmo tratamento que xa teñen os vascos cunha tarifa propia.
A candidata do BNG, que participou nesta reunión acompañada do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e da concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, lembrou tamén que é necesario que o BNG sexa protagonista porque só na súa etapa en Madrid se condicionaron as políticas do Estado respecto a Galicia.
Neste sentido apuntou a que o BNG, segundo todas as enquisas, é a opción política que ten máis posibilidades de disputar directamente ao escano por Pontevedra con Vox e Cidadáns. Carme da Silva entende que "esa dereita é á que quere levar a Galicia 40 anos atrás e hai que porlle freo votando este 28 de abril pensando en Galicia".
Relacionadas:
-
Carme da Silva, orgullosa da "intensísima" campaña, agarda ser deputada para loitar contra a ultradereita machista
Por Redacción |
-
O BNG pide un 8 de marzo nas urnas para frear á dereita "antigalega" e "cavernícola"
Por Redacción |
-
Carme da Silva apela ao BNG como voto con valor dobre ante a "ristra de incumprimentos" de PP e PSOE con Pontevedra
Por Redacción |
-
O BNG pon o foco na xente nova que tivo que emigrar e propón medidas para que regrese "a sacar adiante o país"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
O BNG nota unha corrente de simpatía que aumenta "cada día", con xente desexosa de "volver dar voz a Galicia en Madrid"
Por Natalia Puga |