A mobilización feminista do 8-M empeza a debuxarse en Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot
Pontevedra xa quenta motores para a mobilización feminista do vindeiro 8 de marzo, que se prevé que sexa tan multitudinaria, ou mesmo máis, que a realizada en 2018. Este venres, os lemas e mensaxes que presidirán a xornada de reivindicacións empezaron a debuxarse xa nun obradoiro realizado na Casa da Luz.
Un grupo de integrantes da plataforma de colectivos feministas Galegas 8M en Pontevedra asistiu a un obradoiro de elaboración de cartaces e pancartas para as manifestacións que se realizarán o domingo 3 de marzo en Lugo e o venres 8 de marzo en Pontevedra.
De cara ao 8 de marzo, Galegas 8M organiza en Pontevedra unha concentración "sen siglas" na Praza da Ferrería ás 13.00 horas na que dúas feministas históricas da cidade lerán o manifesto elaborado pola plataforma a nivel galego para este ano.
Xa pola tarde, ás 20.00 horas, a plataforma feminista convoca unha manifestación polas rúas da cidade que partirá da Praza do Hospital e rematará na Alameda de Pontevedra.
Durante toda a xornada, hai convocada unha folga de traballo, de coidados, estudantil e de consumo e tamén convocou unha manifestación o sindicato CIG, que partirá ás 12.00 horas da praza da Peregrina.
Tanto os colectivos feministas de Pontevedra como o propio Concello ofrecen tamén a posibilidade de asistir á manifestación nacional que se celebrará en Lugo o domingo, 3 de marzo, en autobús. A viaxe organizada pola administración local será gratuita e a inscrición realizarase no propio Concello. No caso da que está a xestionar Galegas 8M, o prezo dos bonos de transporte é de oito euros e están dispoñibles nas librarías Paz e Metáfora da cidade.
A Asemblea Galegas 8M formouse en decembro de 2017 co obxectivo de reflexionar e a traballar nun Día das Mulleres a nivel galego que sexa o máis diverso, horizontal e inclusivo posible. Esta asemblea está formada por decenas de colectivos, plataformas e organizacións feministas e mulleres a título individual e ten carácter itinerante, realizando as súas xuntanzas en distintos puntos da xeografía do país.
Relacionadas:
-
Mandís pola igualdade para chamar á folga feminista do 8M desde as xanelas de Poio
Por Redacción |
-
Marín prepárase para a folga feminista do 8M cun taller de materiais reivindicativos
Por Almu Dapena |
-
Carmela Silva fai un chamamento ás mulleres para que participen na folga feminista o 8 de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello freta un autobús gratuíto para a manifestación feminista de Lugo
Por Redacción |
-
Galegas 8M chama á mobilización social: "Cada día sobran máis motivos para saír á rúa"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |