Crean un aparcamento para máis dun cento de coches ao carón da igrexa de San Xurxo de Sacos
Por Redacción
Unha parcela duns 2.000 metros cadrados servirá para habilitar un gran aparcamento, con capacidade de ata 120 prazas, nas inmediacións da igrexa de San Xurxo de Sacos. Os traballos, que executa o Concello de Cerdedo-Cotobade, xa están en marcha.
Este estacionamento busca solucionar os problemas existentes nesta zona cando se producen actos relixiosos ou festivos.
A actuación foi posible tras acadar a cesión dos terreos por medio dunha negociación emprendida co propietario, ao que quixo agradecer a súa colaboración.
Tras a consecución da parcela, veñen de comezar os traballos para a súa preparación, que consistiron na súa limpeza previa e que se centran no seu acondicionamento xeral con traballos de nivelación e compactación. En principio quedará en terra firme -suficiente para acoller a entrada e saída de vehículos- sen que sexa necesario recorrer a materiais asfálticos.
As obras estanse efectuando con traballadores e maquinaria municipal.
A parroquia xa se beneficiou, o pasado mes de xuño, dunha actuación similar aínda que máis completa, coa construción dun aparcadoiro ao aire libre en asfalto, con 30 prazas, nas inmediacións do cemiterio.