Informe positivo de Avaliación Ambiental da Xunta para a creación da Praza de San Xurxo de Sacos
Por Redacción
A Xunta de Galicia trasladou ao Concello de Cerdedo-Cotobade o informe positivo do Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas da Xunta de Galicia para o Plan Especial de dotacións para a creación dunha praza en San Xurxo de Sacos.
O investimento previsto neste espazo, segundo o alcalde Jorge Cubela, roldará os 70.000 euros cun proxecto de creación dunha praza nas proximidades á igrexa de San Xurxo de Sacos. Para esta actuación é necesario expropiar os terreos dun propietario descoñecido, unha situación que está a complicar a tramitación administrativa.
O informe da Xunta establece que é necesario reflectir unha relación de elementos protexidos como 'A Casa de Espiñosa en Outeiro', a obrigación de identificar os hórreos existentes e o seu tratamento como bens protexidos, ademais doutras construcións tradicionais que deben catalogarse. Tamén é necesario recoller os valores culturais da igrexa e do atrio, entre outros requisitos como o mantemento das características e vexetación das vías que rodean a zona e o interese patrimonial.
Tampouco se poderá causar un impacto paisaxístico significativo. Está previsto conservar o arborado autóctono e recuperaranse os muros existentes que constitúen a ruína.
O seguinte paso consistirá na aprobación inicial do proxecto no pleno da corporación e despois sometelo a exposición pública. Jorge Cubela pide paciencia á veciñanza porque se trata dun procedemento "farragoso" co obxectivo de ofrecer todas as garantías e cumprir coa normativa vixente.