Acondicionan un aparcadoiro xunto ao cemiterio de San Xurxo de Sacos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de concluir a creación dun gran aparcadoiro público ao aire libre que conta con máis dunha trintena de prazas de estacionamento e zona para persoas con discapacidade nas inmediacións do cemiterio da parroquia de San Xurxo de Sacos.
Esta actuación, que foi financiada con fondos propios municipais a través dun suplemento de crédito aprobado o pasado mes de novembro, supuxo un investimento de 33.000 euros e consistíu na explanación e dotación de aglomerado na parcela anexa ao camposanto, a dotación dun longo valado de seguridade e o pintado de marcas horizontais para a axeitada sinalización das prazas para os vehículos.
A creación desta nova infraestrutura, que foi executada por unha empresa local, foi posible grazas á cesión dos terreos afectados por parte da comunidade de montes.
INAUGURACIÓN EN AUGASANTAS
Por outra banda, o Concello tamén vén de rematar a remodelación integral da Casa do Pobo de Augasantas, enmarcada no Plan de Centros Veciñais 2019 e na que se investiron 60.000 euros. Esta obra vai inaugurarse este sábado, 30 de xuño, ás 14.00 horas xunto coas novas beirarrúas anexas á alameda, que foron executadas pola Consellería de Infraestruturas.
Esta dobre inauguración contará coa presenza do presidente municipal, Jorge Cubela, e da conselleira Ethel Vázquez e será o preludio á I Festa das Manciñas de Porco de Augasantas, que servirá de estrea á remozada Casa do Pobo e que contará coa presenza de máis de 200 comensais.
Deste xeito, a parroquia súmase ao circuíto de citas gastronómicas do municipio e eleva a oito as festas gastronómicas do concello.