Co decembro volven os obradoiros de Apego para axudar á comunicación en lingua galega entre familias
Por Redacción
Coa chegada de decembro empeza tamén unha nova quenda de actividades do programa Apego, que ten como obxectivo achegarlles ás familias recursos que lles axuden a mellorar e enriquecer a lingua que falan na casa cos seus descendentes.
As propostas ofrecidas para este outono pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra abranguen un concurso, obradoiros de xogos, contos e cancións e tamén distintas charlas. Todas son de balde e desenvólvense na Casa Azul.
As actividades están dirixidas ás familias que teñen fillos ata 6 anos ou que están agardando un novo membro. As prazas son por familia, para 1 ou 2 adultos por menor. Son limitadas e para todas as actividades, agás para o concurso, cómpre inscrición no seguinte formulario: http://apuntate.pontevedra.gal/apego/.
Para formar parte do programa Apego hai que solicitar unha cita a través do web www.apego.gal
Programa de actividades:
• 'Concurso de meigallos en vídeo para protexer a lingua'. Para participar en familia.
• 'Había unha vez', con Ruth Caramés de Fabaloba. Obradoiro en 4 sesións relacionadas para familias con nenos de 0 a 6 anos. Os martes 11 e 18 de decembro e 15 e 22 de xaneiro, de 17.00 a 19.00 horas.
• 'Prende no colo', con Luís Prego e Samuel Soto. Obradoiro para familias con nenos de 0 a 3 anos. O xoves 13 de decembro, de 17.30 a 18.15 horas (pódese alongar un pouco).
• 'A mitoloxía galega: un tesouro de seres máxicos, lendas e outros recursos para contar'. Rafa Quintía, antropólogo, de Ab Origine. Charla para adultos o venres 14 de decembro, de 18.00 a 19.00 horas.
• 'O teu parto consciente', con Cristina Fariñas, psicóloga especialista no eido perinatal. Faladoiro para pais, aínda que tamén poden asistir nenos. O mércores 19 de decembro, de 17.00 a 18.30 horas.
• 'Para cantar e bailar', con Luís Prego e Samuel Soto. Obradoiro para familias con nenos de 4 anos en diante. O xoves 20 de decembro, de 17.30 a 18.15 horas (pódese alongar un pouco).
• 'Claves para unha lactación materna exitosa', con Cristina Fariñas, psicóloga especialista no eido perinatal. Faladoiro para pais; poden asistir tamén nenos. O venres 21 de decembro, de 17.30 a 19.00 horas.
• 'Orella pendella', con Bea Campos de Migallas Teatro. Obradoiro para familias con nenos de 0 a 6 anos. O sábado 22 de decembro. Primeira sesión ás 11.00 horas (45 minutos) e segunda ás 12.15 horas (45 minutos).
Relacionadas:
-
Apegados á lingua galega tamén na primavera
Por Redacción |
-
300 familias pontevedresas sumáronse xa ao programa Apego
Por Diego Espiño |
-
'Apego', 'A Galipedia' e dous profesores, gañadores dos premios Xoan Manuel Pintos
Por David Arana |
-
Xornada de 'Apego' en familia na Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
Unha festa anima ás familias do proxecto Apego a pasar un día en familia en galego na Illa do Covo
Por Natalia Puga |
-
Volven os obradoiros de Apego para fomentar a transmisión familiar da língua galega
Por Redacción |