Un belén xigante na Casa da Cultura, novidade da programación de Nadal de Moraña
Por Redacción
Moraña celebrará o Nadal cunha vintena de actividades e, como gran novidade, a elaboración dun belén xigante na Casa da Cultura que vai ser deseñado e realizado pola Asociación de Mulleres Rurais O Menhir e que será inaugurado o domingo 16 de decembro.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e a técnico municipal encargada de coordinar este programa presentaron o programa na biblioteca e destacaron a gran variedade das actividades, orientadas a todos os públicos, pero especialmente aos cativos e as familias.
O programa inclúe música, obradoiros, festas, tradicións, deporte e as habituais visitas de Papá Noel e os Reis Magos, explicaron as súas responsables.
O Nadal de Moraña arrancará o vindeiro luns co obradoiro Adornamos os nosos fogares, que se estenderá con iniciativas lúdicas e formativas similares para decorar a Casa da Cultura, cousiñas de Nadal, patchwork ou xoguetes.
No eido musical, haberá o XVII Certame de Nadal da Coral Voces Amigas (16 de decembro), o Festival da Escola de Música (21 de decembro), o Certame de Nadal das bandas Nova Lira e da Escola de Música na capela dos Milagres de Amil (23 de decembro), o Certame de Fin de Ano (30 de decembro) ou os Cantos de Reis coa Asociación Cultural Seixebra (4 de xaneiro).
Moraña, ademais, estreará este Nadal a súa Gala do Deporte, que terá lugar o sábado 15 ás 20.00 horas e na que se distinguirá unha decena de grandes traxectorias de deportistas locais no ámbito galego e nacional, e tamén acollerá o IX Torneo de Nadal de Tenis de Mesa o 29 de decembro organizado por ADC Espeto.
En canto ás datas máis tradicionais, haberá a habitual visita de Papá Noel o 24 de decembro pola mañá na Casa da Cultura; o baile de Fin de Ano para os maiores na antiga escola de Santa Xusta o 30 de decembro; ou a Festa Infantil de Fin de Ano con música e inchables o 2 de xaneiro pola tarde no pavillón municipal.
A cabalgata dos Reis Magos, pola súa banda, sairá o 5 de xaneiro ás 16.30 horas de Covelo e, tras percorrer todas as parroquias, chegará ao casco urbano en torno ás 19.00 horas para rematar a xornada con degustación de chocolate con rosca.
Ademais, haberá un autobús gratuíto facendo o mesmo percorrido polo rural -con posterior regreso- para recoller aos veciños que queiran desprazarse á vila a gozar da cabalgata.
A programación tamén inclúe unha Recollida Solidaria de Nadal, que estará aberta ata o 20 de decembro na Casa da Cultura para facer doazóns de xoguetes -novos ou en bo estado-, comida e produtos de aseo para as familias necesitadas, e unha exposición de todos os traballos escolares que participaron no XIV Concurso de Tarxetas de Nadal.