As mulleres rurais de Moraña, protagonistas do calendario municipal de 2019
Por Redacción
Moraña dará a benvida ao 2019 cun calendario ilustrado con fotografías das nove parroquias do municipio. As protagonistas desas imaxes serán integrantes da Asociación de Mulleres Rurais O Menhir, que serán as que presenten cada un dos doce meses.
Con este calendario, o Concello busca poñer en valor a beleza do municipio entre os veciños e tamén promocionalo cara o exterior da man das súas mulleres rurais. Distribuirase entre todas as casas do municipio.
É unha das primeiras actividades que Moraña inclúe no programa de Nadal 2018, que se está a ultimar estes días.
Entre as iniciativas xa perfiladas figura, como principal novidade, a celebración por vez primeira dunha gala do deporte coa que se pretende recoñecer a destacada traxectoria, nos ámbitos nacional e incluso internacional, dunha decena de deportistas de Moraña. Este certame terá lugar o sábado 15 de decembro ás 20.00 horas na Casa da Cultura.
O programa de Nadal, segundo o goberno municipal, volverá a ser moi amplo e intenso, xa que, a falla dos derradeiros detalles, contará cunha vintena de actividades diversas pensadas especialmente para os nenos e as familias, pero que se destinarán a todos os públicos.
Destacan sobre todo, por ser as máis concorridas cada ano, a visita de Papá Noel na mañá do día de Noiteboa, os certames, bailes e festas de Fin de Ano e a Cabalgata de Reis que, como é tradicional, percorrerá todas as parroquias durante a tarde do 5 de xaneiro ata chegar ata Santa Lucía.
Ao abeiro desta programación, xa está en marcha a Recollida Solidaria de Nadal, que se centrará nas doazóns por parte dos veciños de xoguetes novos ou en bo estado, comida e produtos de aseo para entregar ás familias máis necesitadas. Os interesados poden facer as súas entregas ata o día 20 na Casa da Cultura.