O belén xigante de Moraña reproduce o patrimonio do municipio
Por Redacción
A gran novidade da programación de Nadal de Moraña, o belén xigante que se pode visitar na Casa da Cultura, ten como principal característica que reproduce as principais iconas turísticas e bens patrimoniais do municipio.
Este nacemento, de 32 metros cadrados, foi deseñado e realizado por Mulleres Rurais O Menhir. Para a súa elaboración precisáronse 46 xornadas de intenso traballo.
O nacemento conta, a escala e con todo luxo de detalles, con oito igrexas parroquiais e o santuario dos Milagres de Amil, xa que por cuestións de espazo e tempo optouse por este templo como o máis singular desta parroquia.
Tamén figuran nesta representación o Menhir de Gargantáns -símbolo do municipio e que preside o escudo municipal-, os palcos de música tradicionais de Laxe, Corrigatos e Santa Xusta, unha escolma dos cruceiros máis salientables, a centenaria corticeira de Mos, o río Umia e a vella Ponte Briones e incluso o casco urbano de Santa Lucía cun antigo mercado.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, explicou que este "inxente traballo" vai permitir gozar dunha actividade máis neste mesmo Nadal, pero adiantou que tamén servirá para contar cunha ampla base de materiais e seguir estendendo este Belén en vindeiras edicións con novas pezas e lugares de Moraña, de xeito que vaia medrando cada ano.