Piden dous anos de prisión para dous responsables dunha empresa por un delito contra os dereitos dos traballadores
Por Natalia Puga
O xerente da empresa multinacional de transporte Transegre, F.G.C., e o responsable do centro de traballo da entidade na parroquia pontevedresa de Campañó, F.A.R, sentarán o próximo 22 de novembro no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra para render contas por un delito contra os dereitos dos traballadores que presuntamente cometeron no ano 2016 durante as eleccións sindicais no centro de traballo pontevedrés.
A Fiscalía pide que sexan condenados a dous anos de prisión e a inhabilitación especial para o cargo que desempeñaban cando presuntamente cometeron o delito, F.A.R. como encargado de empresa e F.G.C. como xerente.
O escrito de acusación presentado pola fiscal de sinistralidade laboral, Marta Durántez, recolle que os dous acusados actuaron "de común acordo e con ánimo de menoscabar a liberdade sindical" dos traballadores. Entre outras accións, sostén que F.A.R. interrogou aos traballadores da empresa sobre a súa afiliación sindical e quen eran os concretos candidatos a representantes dos traballadores.
En canto a F.G.C., acúsao de que despediu a dous traballadores que se presentaron como candidatos nas eleccións sindicais. Estes despedimentos foron declarados nulos por vulneración do dereito de liberdade sindical por sentenza do Xulgado do Social número 1 de Pontevedra logo confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Ademais, a fiscal mantén que a pesar dos reiterados requirimentos do sindicato CIG impediron a publicación do censo electoral e, "de forma torticera", adiantaron as eleccións que se ían a celebrar ás 9.00 horas a tres horas antes, as 6.00 horas, sen comunicar o cambio de hora do acto de constitución da mesa e a posterior votación aos promotores das eleccións sindicais.
O día da votación tamén impediron a entrada no centro de traballo dos representantes da CIG que acudiron para a constitución da mesa electoral e a tal fin contrataron un servizo de seguridade privada a través do que se impediu entrar aos representantes do sindicato nacionalista Xavier Aboi e Marcos Conde.
A Inspección de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra invalidou o procedemento de eleccións sindicais e expediu unha acta de infracción contra a empresa por unha infracción moi grave. A autoridade laboral correspondente confirmou a infracción e na actualidade o procedemento administrativo sancionador está paralizado á espera de como se resolve o xuízo previsto nos xulgados da Parda.
Os sindicalistas de CIG Marcos Conde e Xavier Aboi deron a coñecer este xuízo este luns nunha rolda de prensa na que valoraron a importancia de que a denuncia presentada polo seu central sindical haxa chegado a xuízo, pois demostra que "meterse cun traballador que quere ser representante sindical non lle pode saír gratis".
En opinión de Aboi, é "unha indecencia" que se "siga permitindo" comportamentos como os desta empresa, por iso é polo que aplaudan que neste caso as dúas persoas acusadas "van levar alomenos unha parte do castigo que merecen" e que aprendan que " non todo vale" cando se trata dos dereitos dos traballadores.
O sindicato CIG convocou unha concentración ás portas dos xulgados da Parda o día 22 de novembro con motivo deste xuízo e confían en que o xuízo termine en condena.
Relacionadas:
-
Condena sen precedentes nun xulgado pontevedrés por un delito contra os dereitos dos traballadores
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A CIG denuncia a Transegre ante o Xulgado por un delito contra os dereitos dos traballadores
Por Natalia Puga |
-
Denuncian o despedimento de dous candidatos da CIG antes de eleccións sindicais
Por Redacción |