Condena sen precedentes nun xulgado pontevedrés por un delito contra os dereitos dos traballadores
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra ditou este xoves unha condena da que non existen precedentes nos xulgados pontevedreses. Condenou o xerente da multinacional de transporte Transegre, Fernando G. C., e o responsable do centro de traballo da empresa en Campañó, Fernando A. R, por un delito contra os dereitos dos traballadores que presuntamente cometeron no ano 2016 durante as eleccións sindicais no centro de traballo pontevedrés.
O titular do Xulgado do Penal número 1, Juan José Trashorras, ditou a sentenza xa este xoves tras unha vista oral nos xulgados da Parda na que a Fiscalía anunciou que, tras alcanzar un acordo de conformidade cos acusados e coa acusación particular, mantiña a acusación contra ambos, pero rebaixaba a pena que lles solicitaba.
A fiscal do caso, a responsable de sinistralidade laboral, Marta Durántez, pedía inicialmente que fosen condenados a dous anos de prisión e a inhabilitación especial para o cargo que desempeñaban cando cometeron o delito, como encargado e xerente da empresa. Tras as negociacións previas que se produciron entre o sindicato CIG -que denunciaba- e o avogado dos dous acusados, a fiscal cambiou esa acusación e pediu ao xuíz que os condenase a 18 meses de multa a razón de tres euros diarios, isto é, 1.620 euros de multa.
Ese cambio na petición de pena motivou que se retirase a petición de inhabilitación. Ademais, a acusación particular engadiu que pedía que tamén fosen condenados a pagar de forma subsidiaria entre os dous a pagar 12.500 euros ao sindicato CIG en concepto de responsabilidade civil.
En base ao acordo das tres partes, o xuíz xa anunciou que ditaba sentenza condenatoria. Ambos os acusados mostraron a súa conformidade coa mesma, Fernando A.R. desde o banco dos acusados do xulgado pontevedrés e Fernando G.C. a través de videoconferencia. Dado que xa se sabía que o xuízo acabaría en conformidade, non se desprazou ata Pontevedra e conectouse desde un xulgado de Cataluña.
Os feitos relatados pola Fiscalía e que derivan na sentenza condenatoria recollen que os dous acusados actuaron "de común acordo e con ánimo de menoscabar a liberdade sindical" dos traballadores. Entre outras accións, Fernando A. R. interrogou aos traballadores da empresa sobre a súa afiliación sindical e quen eran os concretos candidatos a representantes dos traballadores.
En canto a Fernando G.C., acúsano de que despediu a dous traballadores que se presentaron como candidatos nas eleccións sindicais. Estes despedimentos foron declarados nulos por vulneración do dereito de liberdade sindical por sentenza do Xulgado do Social número 1 de Pontevedra logo confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A pesar dos reiterados requirimentos do sindicato CIG impediron a publicación do censo electoral e, "de forma torticera", adiantaron as eleccións que se ían a celebrar ás 9.00 horas a tres horas antes, as 6.00 horas, sen comunicar o cambio de hora do acto de constitución da mesa e a posterior votación aos promotores das eleccións sindicais.
O día da votación tamén impediron a entrada no centro de traballo dos representantes da CIG que acudiron para a constitución da mesa electoral e a tal fin contrataron un servizo de seguridade privada a través do que se impediu entrar aos representantes do sindicato nacionalista Xavier Aboi e Marcos Conde.
A Inspección de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra invalidou o procedemento de eleccións sindicais e expediu unha acta de infracción contra a empresa por unha infracción moi grave. A autoridade laboral correspondente confirmou a infracción e na actualidade o procedemento administrativo sancionador está paralizado á espera de como se resolve este xuízo.
Relacionadas:
-
Piden dous anos de prisión para dous responsables dunha empresa por un delito contra os dereitos dos traballadores
Por Natalia Puga |
-
A CIG denuncia a Transegre ante o Xulgado por un delito contra os dereitos dos traballadores
Por Natalia Puga |
-
Denuncian o despedimento de dous candidatos da CIG antes de eleccións sindicais
Por Redacción |