A CIG denuncia a Transegre ante o Xulgado por un delito contra os dereitos dos traballadores
Por Natalia Puga
O sindicato nacionalista CIG denunciou ante o Xulgado de Garda de Pontevedra e a Inspección de Traballo á empresa Transegre ao entender que cometeu delitos contra os dereitos dos traballadores e contra a liberdade sindical nas eleccións sindicais que deberían empezar este luns na súa sede da parroquia de Campañó.
O sindicato forzara a celebración de eleccións sindicais por primeira vez nesta empresa e sostén que, como sindicato convocante, debería estar na constitución da mesa electoral na empresa. Con todo, cando este luns se presentaron ás 8.45 horas na sede, os gardas de seguridade impedíronlles entrar en varias ocasións, mesmo cando chamaron á Policía Nacional e pediron a mediación da Inspección de Traballo.
Segundo tiveron coñecemento, a mesa xa se constituíu ás 6.00 horas e a continuación, probablemente na mañá deste martes, realizáronse as votacións, pero sen comunicar nin a constitución nin o censo aos sindicatos, con traballadores de vacacións e outros aos que non se lles comunicou que había eleccións.
Ante todos estes feitos, o dirixente da CIG Xabier Aboi asegura que "nos últimos 20 anos na comarca de Pontevedra non pasou feito igual" de non deixar pasar ao sindicato que convoca as eleccións e "nos últlinos 40 anos nunca pasou" que se constituíse unha mesa ás seis da mañá. Cren que esta forma de proceder incumpre a Constitución, a lei de liberdade sindical e a lei para a defensa dos dereitos laborais.
O secretario comarcal do sindicato, Marcos Conde, sostén que estes feitos "teñen a máxima gravidade" e considera que a forma de proceder non se pode atribuír tan só ao encargado de Transegre, que foi quen lles impediu entrar, senón que se trata dunha decisión tomada máis arriba. Contra todos xa anuncian unha resposta sindical contundente e tamén que impugnarán o resultado das eleccións sindicais, pois "todo partiría dun inicio ilegal".
A nivel xudicial, aseguran que chegarán ata as últimas consecuencias e a súa aspiración é, segundo Aboi, "que alguén vaia ao talego" por estes feitos, pois "non podemos permitir que non ano 2016 pasen cousas coma esta". Este mércores xa teñen unha reunión concertada coa fiscal de sinistralidade laboral, Marta Durantez, para poñer no seu coñecemento o sucedido. Ademais, recordan que está xa denunciado o despedimento de dous traballadores afíns á CIG tras convocarse as elección sindicais.
Relacionadas:
-
Condena sen precedentes nun xulgado pontevedrés por un delito contra os dereitos dos traballadores
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Piden dous anos de prisión para dous responsables dunha empresa por un delito contra os dereitos dos traballadores
Por Natalia Puga |
-
Denuncian o despedimento de dous candidatos da CIG antes de eleccións sindicais
Por Redacción |