Bueu, en negro contra as violencias machistas
Por Redacción
Vestir de loito en sinal de dor polas vítimas mortas e as que viven e están a sufrir a violencia machista. É o obxectivo da campaña Bueu en negro, que vén de poñer en marcha o goberno municipal de cara o 25 de novembro, Día Internacional de Non Violencia Contra as Mulleres, xunto a outros noventa concellos galegos.
Está destinada especialmente aos establecementos comerciais do municipio, para que entre o 19 e o 25 de novembro transmitan a través do seu escaparate a mensaxe Queremos Bueu libre de violencias machistas!.
Desde a área de igualdade, que dirixe Ana Isabel Otero, alertan de que no que levamos deste ano, 43 mulleres perderon a vida a mans das súas parellas, tres delas galegas, "o que esixe unha resposta unánime da sociedade de rexeitamento de todas as formas de violencias machistas".
Os locais que desexen participar na campaña terán que poñerse en contacto co Centro de Información ás Mulleres (CIM), a través do teléfono 986324395 ou do correo electrónico cim@concellodebueu.gal.
ACTOS 25 DE NOVEMBRO
O Concello está organizando ademais unha programación que, ao igual que en anos anteriores, ten como eixe vertebrador aos máis pequenos e pequenas. Así, en colaboración cos centros de secundaria, o pasado venres representouse a performance Deconstrución do amor romántico no IES Johán Carballeira.
O acto central terá lugar o 23 de novembro coa concentración en memoria das vítimas da violencia machista na Praza do Concello e, a continuación, no Centro Social do Mar, alumnado do CPR Virxe Milagrosa realizarán a declaración conmemorativa desta data, seguida da entrega de premios do XVI concurso de carteis.
Tamén se organizarán obradoiros de novas masculinidades nos centros de primaria e secundaria da vila, e desde o Cineclub Bueu proxectarán o 16 de novembro Lady Macbeth, un filme de William Oldroyd que plasma na pantalla a asfixiante atmosfera de séculos de opresión silenciosa á muller.
Relacionadas:
-
Os nenos e nenas de Bueu, protagonistas nos actos do 25-N na vila
Por Redacción |
-
150 comercios de Bueu, en negro contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Sanxenxo orienta as actividades do 25-N cara os centros educativos
Por Redacción |
-
Convocan a segunda edición do concurso escolar de debuxo e relatos contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Bueu aprobará medidas preventivas e educativas contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Bueu participa nun programa de atención para escolares vítimas de violencia machista
Por Redacción |