Os nenos e nenas de Bueu, protagonistas nos actos do 25-N na vila
Por Redacción
A conmemoración en Bueu do 25 de novembro, día internacional da non violencia contra as mulleres, tivo este venres un marcado protagonismo para os nenos e nenas dos seis centros educativos do municipio.
Tras a lectura dun manifesto por parte da concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero, tivo lugar unha concentración silenciosa en repulsa contra as violencias machistas, cunha lembranza ás corenta e tres mulleres asasinadas en España no que vai de ano.
Un dos momentos máis especiais foi a declaración conmemorativa, realizada polos rapaces e rapazas do CPR Virxe Milagrosa, para a que elaboraron un vídeo con adaptacións de dous contos infantís que reflexionan sobre a tiranía do físico (Guapa, de Harold Jiménez Canizales) e os roles e estereotipos (Lalo, o príncipe rosa, de Gema Otero).
O acto incluíu a entrega dos galardóns aos premiados no XVI concurso de carteis contra a violencia de xénero, no que participaron 195 escolares.
Ana Adriana Mayo López, alumna de 5º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra, fíxose co primeiro premio de primaria; Hugo Freire Lores, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira levou o primeiro premio de educación secundaria, ao igual que Antía Novas Arribas, de 3º da ESO do IES Illa de Ons.
As mencións especiais foron para Enara Ferradás Álvarez, de 6º de primaria do CEIP Montemogos de Beluso; Xiana Dios García, de 6º de primaria do CEIP A Torre de Cela; Eloy Alfaya Portela, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra; Irene Méndez del Río, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra; Daniel Moital Pastoriza, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra; Anxo Rodríguez Juncal, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra; Cristina Davila Otero, de 3º da ESO do CPR Virxe Milagrosa; Lucía Pérez Pereira, de 3º da ESO do CPR Virxe Milagrosa; e Aitor Budiño Franco, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira.
A programación pecha na Sala Domínguez Búa cunha charla a cargo de Juventina López, activista, mediadora de conflitos, guía espiritual, indíxena mam e filla dun líder comunitario que loitou pola recuperación de terras ancestrais; e Ita Xocol, de 23 anos, unha defensora dos dereitos das mulleres en Nahualá, en Guatemala.
A iniciativa englóbase no marco do proxecto "Mulleres que mudan o mundo", coa colaboración da Coordinadora Galega de ONGD, unha entidade formada por 46 organizacións que traballan no campo da cooperación internacional.
Relacionadas:
-
A comunidade escolar do CEIP Montemogos alza a voz contra a guerra desde Beluso
Por Redacción |
-
O colexio Montemogos de Beluso, gañador do concurso escolar da ONCE
Por Redacción |
-
150 comercios de Bueu, en negro contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Bueu xa ten as obras gañadoras do XVI concurso de carteis contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
Bueu, en negro contra as violencias machistas
Por Redacción |