Sanxenxo orienta as actividades do 25-N cara os centros educativos
Por Redacción
O goberno municipal de Sanxenxo entende que a loita contra a violencia machista debe ser un "eixo transversal" en toda a actividade do Concello, traballando de maneira "coordinada" entre os diferentes departamentos. Pero este ano o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller terá un marcado enfoque pedagóxico.
Así, o Concello preparou unha ampla programación de actividades centradas no ámbito educativo, ao entender que é onde as administracións deben "incidir máis" para que as novas xeracións "tomen conciencia" sobre o rexeitamento ás violencias machistas.
Ao longo do mes de novembro, os alumnos de 1º de Primaria participarán no programa A mochila viaxeira, que distribuirá polos colexios do municipio contidos relacionados coa igualdade; mentres que os nenos de 6º de Primaria terán un obradoiro sobre igualdade.
Un taller de cinema, que impulsará a creación de curtametraxes sobre violencia de xénero, será a actividade para os alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO; e para os máis maiores, os de 1º e 2º de Bacharelato haberá un obradoiro no que traballarán na construción de parellas saudables; e para os de FP celebrarase un taller de novas masculinidades centrado en mecánica.
Ademais, haberá talleres de igualdade nas ludotecas municipais, para os máis pequenos da casa; as bibliotecas impulsarán unha sección de educación en igualdade e non sexista e, en concreto, a de Portonovo celebrará sesións de contacontos sobre esta materia e charlas sobre agresións sexuais.
A escola de arte súmase tamén ao 25- N e plasmará sobre un mural as propostas dos seus alumnos relacionadas coa loita contra as violencias machistas, que se mostrará ao público o propio día 25 de novembro no acto institucional que Sanxenxo celebrará, a partir das doce da mañá, ante a Casa Consistorial.
Alí, ademais, proxectarase a curtametraxe gañadora do obradoiro de cinema e lerase un manifesto institucional contra a violencia de xénero.
Relacionadas:
-
Sanxenxo adica o mes de novembro á loita contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
Convocan a segunda edición do concurso escolar de debuxo e relatos contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Bueu, en negro contra as violencias machistas
Por Redacción |
-
Marín reclamará o 25-N abolir a prostitución e non regular a maternidade subrogada
Por Alejandro Espiño |