Estíbaliz Palma ten a primeira toma de contacto como nova responsable da Comisaría de Pontevedra
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A nova comisaria xefa do Corpo Nacional de Policía de Pontevedra, María Estíbaliz Palma Varona, tivo xa a primeira toma de contacto coa Comisaría Provincial e co persoal do que será responsable. Este xoves 18 acudiu por primeira vez ás instalacións da rúa Joaquín Costa e este venres tivo oportunidade de coñecer máis a fondo o funcionamento do corpo.
Estíbaliz Palma será a primeira muller comisaria xefa provincial en Pontevedra, pero aínda non tomou posesión oficial do cargo. O trámite será nos próximos días cun acto na Subdelegación do Goberno en Pontevedra e o seu traballo efectivo empezará o luns 29 de outubro, pero, de momento, xa empezou a coñecer a fondo ao persoal e o traballo da Policía Nacional en Pontevedra, así como os medios dos que dispón o corpo.
Ademais, este venres mantivo unha xuntanza coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. No encontro tamén estivo presente o comisario Luis Gallego, responsable da Comisaría de Vigo que desde hai semanas está a desempeñar o posto de comisario provincial de xeito provisional desde o cese por xubilación de Manuel Bouzas.
Entre os principais temas abordados entre a subdelegada e a nova comisaria estivo a violencia de xénero e aspectos vinculados cos menores, segundo a información facilitada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Ata hai escasas semanas, Palma ocupaba o posto de comisaria xefa da Policía Nacional de Pozuelo de Alarcón, en Madrid. Tras ser nomeada oficialmente pola Dirección Xeral da Policía como comisaria xefe principal de Pontevedra, cesou nese cargo.
Estibaliz Palma Varona xa foi no ano 2015 a primeira comisaria local do Corpo Nacional de Policía de Ponferrada (León) e, tras apenas once meses nese posto, asumiu o mesmo cargo na comisaría local de Pozuelo.
Natural de Bilbao, leva máis de dúas décadas no Corpo Nacional de Policía. Accedeu á Escala Executiva do Corpo Nacional como inspectora no ano 1992 e ocupou o posto de inspectora xefa no ano 2006 e de comisaria oito anos despois, no 2014.
A maior parte da súa carreira profesional desempeñouna en Madrid, como xefa das seccións de Seguridade Cidadá e Policía Xudicial das comisarías dos distritos de Moncloa e Salamanca. Ademais, foi responsable do Departamento de Intervención e Investigación Policial do Centro de Altos Estudos Policiais da Dirección Xeral da Policía e responsable do Gabinete de Prensa da Xefatura Superior de Policía de Madrid.
Relacionadas:
-
A Policía cesa á comisaria provincial por dicir: "Ya les gustaría a algunas que las violara un UIP"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A comisaria de Pontevedra, nun programa para o liderado das mulleres nas Forzas de Seguridade
Por Redacción |
-
"A min preocúpame o cidadán de Pontevedra, o seu roubo en vivenda, que non lle saquen a navalla na rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra xa ten oficialmente a primeira muller comisaria da Policía Nacional de Galicia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Estíbaliz Palma, primeira muller comisaria da Policía Nacional en Pontevedra
Por Natalia Puga |