A factoría de Volkswagen en Portugal, táboa de salvación para o persoal de Trèves durante o ERE
Por Anxo Lourido
As pezas para o Volkswagen T-Roc que demandan desde unha factoría portuguesa, a VW Autoeuropa situada en Palmela, encargada da fabricación destes novos todoterreos compactos (SUV) da marca alemá, convertéronse no principal revulsivo para a fábrica de Trèves durante os últimos meses ata o punto de que houbo repuntes de produción e chegáronse a contratar temporalmente a cinco traballadoras das antigas instalacións de Trèves na estrada de Vigo.
David Couñago, presidente do comité de empresa reelixido nas últimas eleccións sindicais nas que a CIG volveu obter maioría absoluta, afirma que a carga de traballo procede principalmente de Volkswagen desde que comezou a traballar con Trèves en 2017.
Con todo, recoñece que baixou considerablemente a produción de pezas para PSA Peugeot-Citroën de Vigo. Actualmente continúan preparando materiais para o C4 Picasso, un modelo que está previsto que desapareza en 2022. A boa noticia é que PSA seguirá adxudicando a Trèves a elaboración de pezas para o novo modelo P24, un todoterreo mediano (SUV), que a firma francesa comezará a fabricar en Vigo a principios de 2019. Con todo, os representantes sindicais afirman que este grupo automobilístico tende a realizar pedidos a outra empresa de Ourense, que non ofrece a mesma calidade no produto.
O anterior director, agora responsable da empresa en México, foi o impulsor da entrada de Volkswagen como cliente, un feito que supuxo un punto de inflexión fundamental para a factoría de máis actividade do polígono do Campiño.
Trèves atópase nos últimos anos nun proceso de expediente de regulación de emprego (ERE), que conclúe o próximo 31 de decembro. Este ERE foi consecuencia da negativa do comité de empresa a aceptar o despedimento de 67 traballadores en pleno período de crise económica. "Temos que sobrevivir con isto", afirma David Couñago que indica que actualmente hai 150 traballadores no plantel. Indica que a empresa está contenta cos empregados pola produtividade e calidade, ademais de pola falta de conflitos laborais durante os últimos catro anos.
O comité de empresa quere apostar por un proxecto industrial de futuro que garanta a continuidade dos actuais 150 postos de traballo
O director de perímetro xa se comprometeu a manter unha negociación do convenio colectivo e analizar a carga de traballo a finais deste ano. O comité de empresa ten claro que será prioritario nesa negociación apostar por un proxecto industrial de futuro que garanta a continuidade dos actuais postos de traballo.
Nese sentido, a mirada do persoal céntrase, sobre todo, en novos proxectos de Volkswagen que poidan derivar en Pontevedra. De feito, xa se implantou unha cuarta quenda de 24 horas durante as fins de semana para atender un novo pedido da firma alemá. Os traballadores que asumen esta quenda contarán cun 10% máis de salario e as mesmas condicións na cotización á seguridade social que o resto do persoal.