A CIG revalida a maioría absoluta no comité de empresa de Treves
Por Redacción
O sindicato CIG vén de revalidar a súa maioría absoluta no comité de empresa de Treves, tras as eleccións sindicais celebradas este luns. Segundo informa a organización, obtivo seis dos nove representantes do comité desta auxiliar de automoción situada no polígono do Campiño.
En concreto, a CIG obtivo 84 votos fronte os 30 que logrou UGT, que terá dous delegados. CC.OO logrou, pola súa banda, un único representante en oficinas.
Desde o sindicato celebran a confianza depositada polos traballadores, que a interpretan como un aval ao traballo realizado non só nos últimos catro anos, senón desde que a central nacionalista iniciou a súa andadura na empresa.
A respecto dos retos futuros que enfronta o persoal de Treves, desde a CIG salientan a necesidade de continuar a loitar en prol da carga de traballo, unha maior diversificación para evitar a excesiva dependencia de PSA-Citroën e continuar as melloras en materia salarial e social de cara ao vindeiro convenio, que se comezará a negociar a finais deste ano.
Indican, ademais, que durante estes anos de crise no sector da automoción lograron exercer un importante contrapeso fronte ás tentativas precarizadoras da patronal, mellorando en cada convenio as condicións previas.
Entre os logros, CIG destaca o teren acadado o promedio salarial das auxiliares de Citroën partindo dunhas condicións inferiores, reduciren a desigualdade salarial interna ou evitaren as dobres táboas salariais que existen noutras empresas do sector.