A vindeira semana rematan as obras para evitar as filtracións no lago de Castiñeiras
Por Redacción
O Concello de Marín espera que na segunda semana de outubro conclúan as obras que se acometen no lago de Castiñeiras coa intención de selar as gretas que provocaban filtracións de auga durante todos os veráns.
O proceso de traballo iniciouse co baleirado do vaso e a retirada de toda a fauna a través da intervención de técnicos de Conservación da Natureza. A continuación, levouse a cabo o sobremuro para reforzar a presa, pero foi necesario profundar na zapata de formigón na zona de comportas.
A obra obrigou a ampliar a escavación para construír un dique que conteña a auga e a colocación dun tubo para canalizala e darlle saída. A parte de zapata atopábase en mal estado e foi necesario elaborar un muro que atravesa toda a parede para conter o lodo, ademais de selar con formigón o exterior da estrutura para limpar debaixo da zapata. Tamén se aproveitaron estas manobras para limpar todo o lago.
Segundo explican desde o goberno local de Marín, será necesario esperar á recuperación de todo este espazo natural para que o lago asuma o caudal habitual e a repoboación de especies.
Relacionadas:
-
O lago de Castiñeiras empeza a recuperar a súa imaxe coas choivas
Por Redacción |
-
O lago de Castiñeiras agarda pola choiva para recuperar o seu esplendor
Por Redacción |
-
Evacúan os animais do lago de Castiñeiras para iniciar os traballos de selado
Por Redacción |
-
Marín estrea novos paneis informativos no lago de Castiñeiras e no centro urbano
Por Oskar Viéitez |