Evacúan os animais do lago de Castiñeiras para iniciar os traballos de selado
Por Redacción
O Concello de Marín comezou este mércores a executar os traballos de selado das gretas do lago de Castiñeiras, unha actuación autorizada por Augas de Galicia que busca evitar as fugas de auga e acometer unha mellora ambiental de todo este ámbito natural.
O primeiro paso foi evacuar os peixes e outras especies animais que habitan o lago, para evitar o seu sufrimento ao quedar sen auga. A través da modalidade de pesca eléctrica e con filtrados con redes, axentes do servizo de Conservación da Xunta recolleron 50 quilos de especies exóticas e invasoras como o cangrexo americano, carpíns ou carpas e 48 troitas do país.
As especies invasoras serán "eutanasiadas", segundo o Concello, para evitar que sexan vertidas noutros regatos e provoquen catástrofes naturais, mentres que as troitas do país están sendo trasladadas ao río Loira e outras serán gardadas para repoboar o lago unha vez rematen as obras e así poder volver a ter un coto de pesca nun período breve de tempo.
Mentres tanto, xa se está comezando cos traballos do muro, facendo unha gabia perimetral de formigón para tentar evitar as fugas que se producen e así frear as fisuras.
O lago Castiñeiras é un lago artificial, feito nos anos 50 realizando un pequeno encoro con pedras unidas con algún tipo de conglomerante. A represa non se puido inspeccionar ao estar totalmente cuberta por unha estrada local, polo que as fugas incontroladas entre as pedras da base da represa son as que ata agora deixaban o lago sen apenas capa de auga cada verán.
As obras, que durarán dúas semanas, consisten no picado do morteiro das xuntas de pedras e na retirada de entullos, na limpeza do lodo do fondo a dous metros do muro para poder realizar o selado da zapata, no chorreo do muro con auga a presión ou na escavación e formigonado de gabia onde remata o muro de contención.
SATISFACCIÓN NO BNG
Ao respecto destes traballos, o BNG amosou a súa satisfacción porque o PP de Marín amose un "mínimo de interese" en relación co lago, tras anos de "abandono e esquecemento".
Con todo, non entenden por que é o Concello quen ten que asumir o custo destas obras e non a Xunta de Galicia, que é a que ten as competencias nesta materia.
Os problemas do parque, engaden os nacionalistas, "non rematan" coa reparación das gretas, polo que esixen ao goberno galego que "poña fin" á precaria situación deste ámbito natural.
Relacionadas:
-
O lago de Castiñeiras empeza a recuperar a súa imaxe coas choivas
Por Redacción |
-
O lago de Castiñeiras agarda pola choiva para recuperar o seu esplendor
Por Redacción |
-
A vindeira semana rematan as obras para evitar as filtracións no lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Marín estrea novos paneis informativos no lago de Castiñeiras e no centro urbano
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG demanda que a Xunta repare o dique do lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Decenas de persoas claman "SOS Castiñeiras" cunha andaina reivindicativa
Por Redacción & Diego Torrado |