Moraña reforzará os itinerarios peonís no ámbito do santuario de Amil
Por Redacción
A pista municipal de 648 metros que rodea o Santuario dos Milagres de Amil será remodelada de xeito integral, segundo vén de anunciar o Concello de Moraña. O camiño, que une diversos espazos públicos, como a zona verde, a escola unitaria, o propio templo, a Casa da Cultura, o local cultural e o campo de fútbol, reforzará o seu carácter peonil.
A actuación, impulsada para mellorar a mobilidade e a seguridade desta vía pola elevada afluencia que xeran estes equipamentos durante moitos días do ano, vai contar cun investimento de 253.000 euros e un prazo de execución de tres meses.
O goberno municipal confía en que estes traballos poidan estar en marcha, tras os trámites da licitación do concurso, a comezos do ano 2019.
A obra consistirá no ensanchamento da sección da calzada ata os oito metros, para o cal será preciso ocupar 1.900 metros cadrados das súas beiras.
A pista, que percorre o lugar da Chan e conecta polos dous extremos coa estrada EP-0018, contará, tras a súa remodelación, cunha pista de 5,20 metros con carrís de 2,35 metros e unha beiravía de 50 centímetros.
Ademais, haberá unha senda peonil de 2,50 metros de anchura e unha rigola de formigón de 30 centímetros que separará estes dous ámbitos e servirá para recoller e canalizar as augas pluviais.
A actuación completarase coa adopción de medidas de calmado de tráfico e pasos de peóns, a realización de desmontes, a reconstrución de muros de contención e a instalación do entubado e de pozos de rexistro, cada 40 metros, para a recollida das escorrentías.
Esta obra vai ser financiada ao abeiro do Plan Deporemse da Deputación de Pontevedra, que permitirá que o Concello reciba unha subvención do 90% da contía total e que sufrague, con fondos propios, os 26.000 euros restantes.