Moraña habilitará unha senda peonil entre Silvoso e O Souto
Por Redacción
Unha senda peonil segura de 220 metros de lonxitude unirá os lugares de Silvoso e O Souto. É un proxecto que executará a Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, no que se investirán 48.000 euros. Irá pola marxe dereita da estrada autonómica PO-226.
Con motivo desta actuación, cuxo inicio é inminente xa que está programado para o vindeiro luns, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, mantivo unha xuntanza sobre o terreo, nas inmediacións do Pazo da Toxeiriña, coa dirección de obra e representantes da firma adxudicataria, Caldevergazo, para perfilar os traballos.
Este proxecto xurde da necesidade de mellorar a seguridade peonil e viaria despois de que se detectara que hai un elevado tránsito de veciños entre estes dous lugares pola súa proximidade e se comprobara que se podía acometer unha rápida actuación para unir as beirarrúas das que xa dispoñen ambos núcleos.
As obras consistirán na construción dunha senda en formigón tinguido con 10 centímetros de groso e dun caz de 50 centímetros, tamén do mesmo material, para separar este paseo da estrada.
Así mesmo, e como obras complementarias, incluiranse a dotación dun muro de contención e dunha varanda para fortalecer a seguridade, o retranqueo de varios postes de subministro eléctrico e telefonía e a instalación de canalizacións de pluviais, sumidoiros e pozos de rexistro.
O Concello de Moraña encargouse da consecución da cesión dos terreos e da súa posta a disposición a favor do organismo autonómico.
As previsións apuntan a que a senda estará rematada neste mesmo mes de outubro.
Relacionadas:
-
Solución ás vivendas sen saneamento en Silvoso de Arriba
Por Redacción |
-
Moraña pecha o seu plan de infraestruturas e obras en 2,74 millóns
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña reforzará os itinerarios peonís no ámbito do santuario de Amil
Por Redacción |
-
Moraña confía en ter acondicionada a nova senda de Santa Margarida a finais de outubro
Por Redacción |