A romaría dos milagres de Amil xunta miles de fieis en Moraña
Por Redacción & Diego Torrado
Amil volveuse a converter este domingo nun auténtico centro de peregrinación. Miles de persoas acudiron ao santuario da nosa Señora dos Milagres para renovar a súa devoción á virxe. É, sen dúbida, unha das romarías relixiosas máis populares da comarca.
Ao longo dos últimos días, o goteo de romeros que chegaron a pé, a bicicleta ou en coche ata esta parroquia de Moraña foi constante pero nada comparado coa avalancha de xente que, aproveitando o bo tempo, quixo achegarse ata o santuario.
Nesta xornada grande, houbo misas cada media hora desde as seis da mañá e, de novo, o momento máis emotivo viviuse durante a procesión da imaxe da virxe que, como é habitual, saíu do santuario co manto cuberto dos billetes que os devotos foron depositando a modo de ofrenda.
Ademais, moitos tamén optaron por cumprir con outro dos ritos clásicos, pasar unha estampa pola figura de bronce do sagrario do santuario.
A romaría dos milagres de Amil tamén incluíu unha vertente lúdica. Na carballeira os asistentes puideron degustar numerosas propostas gastronómicas, entre elas, as que ofreceron as tradicionais pulpeiras.
A xornada estivo amenizada pola música de numerosas agrupacións folclóricas.