O malestar polas axudas pola explosión de Tui chega a Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, esixiu ao Goberno que coa "máxima premura" declare como zona gravemente afectada por unha emerxencia de Protección Civil o lugar de Paramos, onde o pasado mes de maio explotou o material pirotécnico almacenado nunha nave ilegal.
Fíxoo durante unha concentración ante a Subdelegación de Goberno en Pontevedra onde Vázquez Padín, acompañado por un grupo de veciños afectados, sinalou que é "fundamental" acabar coa "incerteza" que estes sofren ante unhas axudas que son "insuficientes".
Moitos deles, segundo o rexedor, optan por non solicitar as axudas ao ser "familias humildes" que, sen esa declaración por parte do Goberno, sufrirían un impacto fiscal "brutal" ao ter que tributar as cantidades recibidas nas súas respectivas declaracións ante Facenda.
O alcalde reclamou a exención fiscal para estas axudas e que, tras a declaración como zona gravemente afectada, se aprobe o decreto que permitiría que os respectivos ministerios con competencias na materia aproben medidas "para axudar aos veciños".
Carlos Vázquez Padín lembrou que, debido á explosión do almacén pirotécnico, unha trintena de casas de Paramos "non son habitables" e estanse tramitando catorce expedientes de axuda para o aluguer de novas vivendas.
"Vimos que o Goberno en agosto tivo tempo para outras xestións e noso deber desde Tui é lembrarlles que o noso problema é prioritario", engadiu o alcalde.
Vázquez Padín criticou o problema "de fondo e de formas" que Tui atopou por parte da Deputación de Pontevedra, cuxo representante no gabinete de crise creado con posterioridade ao accidente "nunca me colleu o teléfono nin me devolveu as chamadas".
O rexedor desistiu da súa pretensión de acampar ante a Subdelegación de Pontevedra, despois de que un informe da Policía Local desaprobase a instalación da súa tenda de campaña, ao entender que a zona elixida para a protesta "non está dotada nin acondicionada" para este tipo deste tipo de pernoitas.
Vázquez Padín, que tiña previsto repetir esta concentración o próximos tres luns, asegurou que pedirá un informe xurídico sobre esta decisión, porque considera que é "grave" que o Concello de Pontevedra "limite" o seu dereito para protestar na vía pública "de forma pacífica e cívica".